18/11/2025
O BNG PROPÓN DOTAR DE ABASTECEMENTO DE AUGA OS PRINCIPAIS NÚCLEOS DA PARROQUIA DE SANTO ADRAO
Vilar, O Rodeiro, Redondelo, A Valiña, Guxide, entre outros, carecen deste servizo municipal
Lourenzá, martes 18 de novembro 2025. A auga potable e o saneamento son dereitos básicos e esenciais para a saúde e calidade de vida dos veciños. Sen embargo, en varios núcleos do municipio aínda se carece de acceso a estes servizos. Ademais, a falta de infraestruturas adecuadas pode xerar problemas medioambientais e obstaculizar o crecemento económico das zonas carentes de acceso a rede municipal de saneamento e abastecemento público de auga.
Debate no pleno deste xoves
Ante esta situación o BNG de Lourenzá vén de presentar unha moción no concello para debater no pleno deste xoves, na que solicitan que se dote do servizo de abastecemento de auga nos núcleos rurais da parroquia de Santo Adrao. Recordan os nacionalistas que a auga potable e o saneamento son dereitos básicos e esenciais para a saúde e calidade de vida da veciñanza. “Esta é unha situación de falta de abastecemento pode poñer en risco a saúde pública e ademáis a falta de infraestruturas adecuadas pode xerar problemas medioambientais e obstaculizar o crecemento económico desas zonas carentes de acceso á rede municipal de abastecemento e tamén de saneamento” afirmou a portavoz nacionalista Belén Fanego.
Esixir das institucións e organismos competentes financiamento para o abastecemento
Para garantir un acceso equitativo aos servizos básicos en todo o concello mellorando a calidade de vida da veciñanza do rural en particular e contribuindo a un desenvolvemento máis xusto de todo o territorio muncipal, o BNG proponle ao pleno que acorde comprometerse a dotar do servizo de abastecemento aos principais núcleo de Santo Adrao carentes del e que se demande das administracións e organismos competentes en materia de infraestruturas e recursos hídricos os orzamentos e axudas suficientes para tal fin.
Saneamento
A edil nacionalista refírese tamén na moción ás necesidades de saneamento existentes no término municipal, polo que demanda tamén que se leve a cabo un estudo pormenorizado sobre as mesmas para poder realizar os correspondentes proxectos.