25/03/2022
DECLARACIÓN DE COMPROMISO POR GALICIA EN RELACIÓN COA INVASIÓN RUSA DE UCRAÍNA.
A situación derivada da invasión rusa de Ucraína, que se producíu hai catro semanas, está levando a Europa a unha situación de catástrofe humanitaria descoñecida dende o remate da II Guerra Mundial, e está a provocar unha espiral de morte e destrución que leva aparellada a fuxida de milleiros de refuxiados vítimas da agresión rusa.
Dende Compromiso por Galicia, condenamos esa brutal agresión e envíamos a nosa solidariedade ao pobo ucraíno e unímonos ás voces que esixen ao autócrata Vladimir Putin o cese da guerra e a retirada das tropas de solo ucraíno.
Ao mesmo tempo apoiamos o dereito á lexitima defensa do pobo ucraíno e ás medidas que o goberno do Estado, en coordinación coa UE e a OTAN, está a tomar. Para nós, a guerra sempre é rexeitable mais neste caso, pensamos que o dereito internacional xustifica a lexítima defensa diante dunha agresión real e non provocada.
Por último, queremos amosar a nosa preocupación pola auxe, na vida política española, de derivas populistas e extremistas como as que practica Vox e que non son diferentes das impulsadas por Trump, Bolsonaro ou o mesmo V. Putin. A nosa receita para frear a estes personaxes e ás forzas políticas reaccionarias que lles dan soporte é escoitar con atención as demandas da cidadanía e mellorar a calidade da nosa democracia.