Fundación Fermín Penzol

Fundación Fermín Penzol Información de contacto, mapa y direcciones, formulario de contacto, horario de apertura, servicios, puntuaciones, fotos, videos y anuncios de Fundación Fermín Penzol, Biblioteca, Praza da Princesa, 2, Vigo.

CENTENARIO DE ANTONIO PÉREZ PRADOLogo da paréntese estival, retomamos a actividade en fb lembrando que o 7 de setembro d...
05/09/2026

CENTENARIO DE ANTONIO PÉREZ PRADO
Logo da paréntese estival, retomamos a actividade en fb lembrando que o 7 de setembro de 2009 falecía en Buenos Aires o hematólogo e intelectual galeguista Antonio Pérez Prado, fillo de emigrantes lucenses.
Nado na capital porteña o 18 de novembro de 1926, este ano cúmprense o centenario do seu nacemento. Coincidindo coa data, a Fundación Penzol celebrará unha xornada sobre quen, entre outros méritos, é autor dunha obra moi singular, ‘Los gallegos y Buenos Aires’ (Ediciones La Bastilla, Buenos Aires, 1973), así como do guión do documental de Jorge Prelorán ‘Castelao. Biografía de un ilustre gallego’ (1980).
No noso arquivo conservamos, e está a disposición para a súa consulta, o seu valioso e variado fondo persoal, doado á institución por vontade do propio Pérez Prado. Sobre esta documentación e mais a súa obra impresa publicarase tamén, en breve, unha nova entrega monográfica do boletín dixital ‘Novas Penzol’, elaborado, como adoito, polo padroeiro Silvestre Gómez Xurxo coa colaboración do noso persoal técnico.

REUNIÓN DO PADROADO DA FUNDACIÓN PENZOLO pasado 30 de xuño tivo lugar, na nosa sede da Casa Galega da Cultura de Vigo, a...
09/07/2026

REUNIÓN DO PADROADO DA FUNDACIÓN PENZOL
O pasado 30 de xuño tivo lugar, na nosa sede da Casa Galega da Cultura de Vigo, a reunión ordinaria do Padroado. Entre outros puntos da orde do día, aprobáronse a memoria de actividades e mais as contas do ano 2025, ademais do plan de actividades que se desenvolverán no segundo semestre deste 2026, das que oportunamente se irá informando.
Á reunión incorporouse como nova padroeira, a académica María López Sández, que renova a representación da Real Academia Galega no noso Padroado após o falecemento de Xesús Alonso Montero. Por parte, asistiu por última vez Rosario Álvarez Blanco, que representaba ao Consello da Cultura Galega, que tamén forma parte da nosa Fundación. A Penzol agradécelle o seu decidido apoio persoal e institucional durante o tempo en que formou parte da nosa institución.
Por último, lembramos que durante os meses de xullo a agosto as nosas instalacións permanecerán abertas e atenderán as persoas interesadas nas consultas dos nosos fondos arquivísticos e bibliotecarios en horario de 9 a 14 horas.

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN “DE AQUÍ O XERME SAÍU. PRESENZAS GALEGAS DE CAMÕES”Xa é posible visitar de maneira virtual o...
29/06/2026

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN “DE AQUÍ O XERME SAÍU. PRESENZAS GALEGAS DE CAMÕES”
Xa é posible visitar de maneira virtual os paneis da exposición conmemorativa do V centenario do nacemento de Luís de Camões, instalada na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo.
A mostra, comisariada por Xosé Manuel Dasilva e Xosé Manuel Soutullo, inaugurouse o pasado 15 de xuño como parte da xornada que organizaron a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do Nascimento de Luís de Camões, e que contou coa colaboración do Concello de Vigo, o Consulado-Geral de Portugal em Vigo e o Camões-Centro Cultural Português em Vigo. Ata o 30 de setembro poderá visitarse presencialmente.
Á visita virtual pódese acceder no enlace:
https://maisgalaxia.gal/uploads/media/showroom/exhibition/DE_AQUI_O_XERME_SAIU/info.pdf

NO CENTENARIO DE MARÍA DO CARME KRUCKENBERG (IV)O pasado día 3 celebramos o acto literario de conmemoración dos 100 anos...
24/06/2026

NO CENTENARIO DE MARÍA DO CARME KRUCKENBERG (IV)
O pasado día 3 celebramos o acto literario de conmemoración dos 100 anos do nacemento da escritora viguesa María do Carme Kruckenberg.
Organizado polas nosas padroeiras Malós Cabrera e Malores Villanueva, nel impartiu unha suxestiva conferencia Mercedes Queixas autora de ‘Vivir unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg’ (Galaxia, 2011). A seguir, tivo lugar un recital dalgúns dos seus poemas por parte de Luísa Abad, Pepe Cáccamo, Oriana Méndez e Silvia P***s.
Entre as autoridades asistentes contamos coa presenza da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; da tenente alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, acompañada da concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, e mais do portavoz municipal BNG, Xabier P. Igrexas. Asistiu tamén a filla da homenaxeada, Cristina Pusone Kruckenberg. Dende a nosa institución sumámonos, deste xeito, aos recoñecementos que están tendo lugar arredor da relevante autora da posguerra no ano do seu centenario.

CELEBRACIÓN DO V CENTENARIO DO NACEMENTO DE CAMÕESO luns 15 de xuño celebrarase na sede da Fundación Penzol, na Casa Gal...
12/06/2026

CELEBRACIÓN DO V CENTENARIO DO NACEMENTO DE CAMÕES
O luns 15 de xuño celebrarase na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo, unha xornada conmemorativa do V centenario do nacemento de Luís de Camões. Os actos, que se desenvolverán en sesións de mañá e tarde, están organizados pola Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do Nascimento de Luís de Camões, e contan coa colaboración do Concello de Vigo,
o Consulado-Geral de Portugal em Vigo e o Camões-Centro Cultural Português em Vigo.
Os actos terán lugar en sesións de mañá e tarde, e comezarán ás 12,30 da mañá coa inauguración da exposición “De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões”, título que comparte coa xornada, que continuará á tarde con intervencións de Xosé Manuel Dasilva, Henrique Monteagudo, Micaela Ramon e José Carlos Seabra Pereira. Un recital poético-musical poñerá o ramo á xornada na nosa sede.
Os detalles da programación poden consultarde na imaxe que acompaña esta nota. A entrada é libre ata completar aforo.

VISITA DO CÓNSUL XERAL DE PORTUGAL EN VIGOO pasado 26 de maio achegouse ás nosas instalacións João Bezerra da Silva, cón...
04/06/2026

VISITA DO CÓNSUL XERAL DE PORTUGAL EN VIGO
O pasado 26 de maio achegouse ás nosas instalacións João Bezerra da Silva, cónsul xeral de Portugal en Vigo. Recibírono o presidente e o vicepresidente primeiro, Manuel Puga e Antón Vidal, e o director e mais o subdirector, Xosé Manuel Soutullo e Xosé Manuel Dasilva. Ademais de informalo sobre a historia, obxectivos e características dos fondos que custodia a nosa Fundación, houbo un interesante intercambio de ideas para establecer colaboracións con institucións portuguesas de características semellantes á nosa, onde o Consulado pode resultar un eficaz axente mediador.
Houbo tempo tamén para unha sesión informativa, á que tamén se sumou o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Gorka Gómez, sobre a xornada “‘De aquí o xerme saíu’. Presenzas galegas de Camões”, que terá lugar o vindeiro 15 de xuño na nosa sede, organizada pola Penzol, o Consello da Gultura Galega, a Real Academia Galega, a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, que tamén conta coa colaboración do propio Consulado, o Concello de Vigo, a Editorial Galaxia e o Camões-Centro Cultural Português em Vigo.

NO CENTENARIO DE MARÍA DO CARME KRUCKENBERG (III)O vindeiro mércores, 3 de xuño, cúmprense cen anos do nacemento da escr...
30/05/2026

NO CENTENARIO DE MARÍA DO CARME KRUCKENBERG (III)

O vindeiro mércores, 3 de xuño, cúmprense cen anos do nacemento da escritora viguesa María do Carme Kruckenberg. Con tal motivo, a Fundación Penzol, que custodia os seus fondos, celebrará, ás 19 horas, na sede da Casa Galega da Cultura de Vigo, un acto de homenaxe e conmemoración.

O acto constará de dúas partes. A primeira, unha conferencia, impartida por Mercedes Queixas, a súa biógrafa, autora de Vivir unha aventura irrepetíbel. Unha biografía de Mª do Carme Kruckenberg (Galaxia, 2011), na que glosará a súa vida e obra. A segunda constará dun recital dalgúns dos seus poemas, nas voces de Luísa Abad, Pepe Cáccamo, Oriana Méndez e Silvia P***s. A entrada é libre ata cubrir aforo. Gustariamos poder contar coa presenza de todas e todos vós.

NO ANO DE OTERO PEDRAYO (IX)SERVIZOS DO ARQUIVO DA FUNDACIÓN PENZOLA conmemoración do “Ano oteriano” brinda a oportunida...
23/05/2026

NO ANO DE OTERO PEDRAYO (IX)
SERVIZOS DO ARQUIVO DA FUNDACIÓN PENZOL
A conmemoración do “Ano oteriano” brinda a oportunidade realizar actividades de revisión e estudo dos seus escritos e documentos.
Otero Pedrayo dispuxo a conservación do seu arquivo persoal na Fundación Penzol. Hoxe este legado está formado por 138 caixas de documentos en papel que superan os 20 metros lineais en volume, aos que hai que engadir 16 caixas de fotografías. É propósito da Fundación ofrecer este ano parte deste acervo documental de forma pública e aberta a través do seu portal de arquivo, que se concretará na dixitalización do conxunto da obra orixinal pertencente ao seu fondo: 33 caixas. Mediante sucesivas entregas poderanse consultar variados textos de narrativa e poesía, de ensaios a traducións. As entregas formarán un bloque diferenciado de contidos dentro do portal xunto a outros xa dispoñibles do propio Otero, como é o caso das fotografías persoais. Pódese acceder en:
https://fondospenzol.vigo.org/portalArchivo/seleccionopac?action=inicio&OP=OP999&usr=consulta&PT=PT000001

NO ANO OTERO PEDRAYO (VIII)BOLETÍN ‘NOVAS PENZOL’ 32, ABRIL 2026Presentamos outra iniciativa da Fundación relacionada co...
15/05/2026

NO ANO OTERO PEDRAYO (VIII)
BOLETÍN ‘NOVAS PENZOL’ 32, ABRIL 2026

Presentamos outra iniciativa da Fundación relacionada co Ano Oteriano 2026: o número 32 do noso boletín ‘Novas Penzol’, dedicado desta volta aos fondos bibliográficos e documentais que se custodian na nosa sede.
A respecto dos bibliográficos, o boletín recolle 623 referencias de autoría oteriana, que remiten a monografías, capítulos en obras colectivas, prólogos e epílogos, artigos en revistas e traducións, entre outras. No tocante ás obras sobre Otero Pedrayo, as referencias son 288, divididas entre monografías, capítulos en libros colectivos e artigos en revistas.
Así mesmo, a publicación informa en detalle sobre a documentación que contén o Fondo Otero Pedrayo do Arquivo Penzol, voluminoso e de indubidable importancia, que consta de 7.282 inscricións, de características moi variadas, desde apuntamentos a manuscritos das súas obras literarias. Un material imprescidible para achegarse a o extenso universo do Patriarca das Letras Galegas, que se pode consultar (e descargar) en:
https://hoxe.vigo.org/pdf/PENZOL/NovasPenzol32-AnoOteroPedrayo.pdf

NO ANO DE OTERO PEDRAYO (VII)VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN “RAMÓN OTERO PEDRAYO, 1888-1976”Xa é posible visitar de maneira...
27/04/2026

NO ANO DE OTERO PEDRAYO (VII)
VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN “RAMÓN OTERO PEDRAYO, 1888-1976”
Xa é posible visitar de maneira virtual os paneis da exposición biobibliográfica que a Fundación Penzol, coa colaboración da Cátedra Institucional Otero Pedrayo da USC, instalou no vestíbulo da súa sede, na Casa Galega da Cultura de Vigo. Pódese acceder no enlace: https://maisgalaxia.gal/uploads/media/showroom/exhibition/otero-pedrayo-1888-1976/info.pdf.
Ademais, na mesma plataforma —“Máis Galaxia” (https://maisgalaxia.gal/exhibition/)— tamén se ofrecen outras mostras realizadas pola nosa Fundación, como: “Fundación Penzol. 60 pezas para sesenta anos”; “María do Carme Kruckenberg. Vivir, unha aventura irrepetíbel” e “Castelao. De ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza”.

Dirección

Praza Da Princesa, 2
Vigo
36202

Notificaciones

Sé el primero en enterarse y déjanos enviarle un correo electrónico cuando Fundación Fermín Penzol publique noticias y promociones. Su dirección de correo electrónico no se utilizará para ningún otro fin, y puede darse de baja en cualquier momento.

Atajos

Compartir

Categoría