02/09/2026
.
🤝🤝 REUNIÓN DE TRABALLO ENTRE O CONCELLO DE VIANA DO BOLO E A XUNTA DE GALICIA
🤝🤝 A alcaldesa de Viana do Bolo mantivo hoxe unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, na que se abordaron diferentes cuestións de especial relevancia para o noso concello e para o benestar das nosas veciñas e veciños, entre as que destacan:
🌧️ 1. SITUACIÓN ACTUAL E FUTURA DAS ALDEAS AFECTADAS POLAS RIADAS
Un dos asuntos prioritarios da xuntanza foi a situación actual e futura das aldeas de A Bouza, Pradocabalos, Pexeiros e O Castro, unha cuestión que continúa a ser a maior preocupación deste Goberno municipal.
Neste sentido, solicitouse información sobre as intervencións previstas para a restauración forestal e hidrolóxica das zonas afectadas, así como sobre as medidas de prevención que se van adoptar para minimizar o risco de que unha situación similar poida volver producirse no futuro.
Así mesmo, solicitouse que se tramiten axudas para as persoas afectadas polas riadas, co obxectivo de que poidan facer fronte aos danos e perdas ocasionados por estes episodios.
Tamén se preguntou polo estado da tramitación da declaración de zona de emerxencia, aprobada polo Pleno do Concello de Viana do Bolo o pasado 25 de xuño de 2026, así como pola súa evolución administrativa.
🛣️ 2. MELLORA DA OU-533 E SEGURIDADE VIARIA
Outro dos asuntos tratados foi o estado dos trámites relativos ao proxecto de mellora da estrada OU-533.
Así mesmo, trasladouse á Xunta a necesidade de mellorar e facer máis seguro o tránsito de vehículos e peóns pola nosa vila, solicitando a creación de pasos de peóns máis seguros e tamén a posibilidade de executar unha rotonda no acceso a Viana do Bolo.
Neste sentido, agardamos recibir nos próximos días a chamada da Directora Xeral de Infraestruturas, co obxectivo de avanzar nestas cuestións relacionadas coa seguridade viaria.
👵👴 3. CENTRO DE DÍA EN VIANA DO BOLO
Tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de crear un Centro de Día en Viana do Bolo, unha infraestrutura que consideramos fundamental e unha necesidade real para o noso concello, caracterizado por unha poboación cada vez máis envellecida e por unha importante dispersión xeográfica.
🌉 4. SITUACIÓN DA PONTE DE UMOSO
Finalmente, abordouse a situación actual da Ponte de Umoso, unha infraestrutura moi deteriorada, pero de grande importancia para as persoas que a utilizan.
Desde o Concello solicitouse a colaboración e financiamento das distintas administracións públicas para poder acometer unha actuación integral que permita recuperar esta ponte e garantir a súa seguridade e funcionalidade.
🤝🤝 UNHA REUNIÓN PRODUTIVA, Á ESPERA DE SOLUCIÓNS E INFORMACIÓN
A reunión foi produtiva e permitiu trasladar directamente á Xunta as principais necesidades e preocupacións do Concello de Viana do Bolo, así como coñecer o estado dalgunhas das actuacións e trámites pendentes.
Agora quedamos á espera de solucións e de información concreta sobre os diferentes asuntos abordados, así como de que os compromisos e cuestións trasladadas se traduzan en actuacións e avances reais e axiles
O compromiso do Concello segue sendo claro: defender os intereses de Viana do Bolo, reclamar as actuacións que o noso concello precisa e traballar para conseguir melloras e solucións para as nosas veciñas e veciños.
💚 Viana do Bolo merece atención, investimentos e solucións.