06/06/2026
Hoy felicitamos a Manaia - Asociación Galega de Adopción e Acollemento por estos 20 años
HOXE CUMPRIMOS 20 ANOS!!
Queridas familias, persoas socias, colaboradoras, profesionais e amigas de MANAIA:
Hoxe é un día moi especial para todas as persoas que formamos parte desta gran familia.
Celebramos 20 anos de MANAIA, 20 anos compartindo camiños, ilusións, aprendizaxes e tamén desafíos. Dúas décadas nas que moitas familias galegas, atoparon un espazo de encontro, apoio, información e acompañamento mutuo, nun modelo de familia tan cheo de desafíos, como é o da adopción e o do acollemento.
Ao mirar atrás, sentimos unha enorme gratitude. Gratitude cara ás familias que sementaron as bases do que hoxe somos e cara a todas aquelas que se foron unindo a esta maravillosa labor, persoas voluntarias que dedicastes tempo e corazón. Gratitude cara aos profesionais que nos acompañastes en tantos momentos, ás administracións e entidades colaboradoras. Pero sobre todo, gratitude cara ás nenas, nenos e adolescentes que son a verdadeira razón de ser do noso traballo e que nos teñen ensinado tanto.
Durante estes vinte anos fomos medrando xuntas. Compartimos experiencias, promovemos formación, impulsamos proxectos, defendemos dereitos e traballamos para construír unha sociedade máis sensible e comprometida coa infancia e coa adolescencia adoptada e acollida.
Cada paso dado foi posible grazas á forza dunha comunidade que nunca deixou de crer na importancia dos vínculos, do coidado dende o bo trato e do acompañamento persoal e profesional.
Este aniversario non é só unha celebración do camiño percorrido. É tamén unha mirada esperanzada cara ao futuro. Seguiremos camiñando coa mesma ilusión do primeiro día, mantendo vivo o compromiso de apoiar ás familias e de contribuír a que cada nena, neno e adolescente poida medrar nun entorno seguro, afectivo e protector.
Grazas por formar parte destes 20 anos de historia. Grazas por camiñar ao noso lado. Grazas por facer de MANAIA moito máis que unha asociación: unha gran familia e unha rede en todos os seus significados posibles.
Con todo o noso agarimo,
a Xunta Directiva.