17/07/2026
NUNCA UN NOME REPRESENTOU TAN BEN A XESTIÓN DUN GOBERNO: “A CONVIDADA” 🎉
Porque desde que teñen maioría absoluta, parece que converteron o Concello nunha barra libre para algúns…
Eles convidan. Nós pagamos.
Porque este 4 de xullo, o Goberno de Trazo celebrou unha vez máis “A Convidada”, esa festa que organizaron desde que teñen maioría absoluta e que moitos veciños aínda non saben moi ben de que vai… nin a que vén.
O único que temos claro é que a factura págase cos cartos de todos. Porque para isto si hai cartos.
E este ano había que encher como fose: chamadas ás casas, autobús… Non só se mobilizaron os oito concelleiros do Goberno, senón que ata algúns dos seus “palmeiros” andaron á procura de veciños.
E pasáronse tanto de freada que, nun auténtico éxtase de peloteo, chegaron a dicirlle a algún veciño que, se non ía, a alcaldesa iría persoalmente á súa casa buscalo! 😂
Vamos, que puxeron toda a carne no asador…
E nunca mellor dito.
Porque aquel 4 de xullo foi o día de máis calor no que levamos de ano, unha calor desas de caer os paxaros das árbores. E, con semellante temperatura, as mentes pensantes que nos gobernan tiveron unha idea brillante para o menú:
¡CALLOS!
Si, si. CALLOS. No día de máis calor do ano.
E logo aínda se preguntan por que Trazo vai peor que nunca…
A esas alturas, a pregunta xa non era de que ía A Convidada… senón se querían convidar os veciños ou acabar con eles. 😂
Pero nin con chamadas, nin con autobús, nin mobilizando concelleiros e palmeiros, nin con semellante éxtase de peloteo, conseguiron o éxito que esperaban.
E quizais deberían empezar a preguntarse por que.
Porque os veciños están cansos de tanta festa e tanta propaganda mentres o realmente importante segue esperando. O relato estalles acabando.
E A Convidada é só un exemplo. Máis de 1.200 € en roscas e chocolate o día das comparsas de Entroido. E, un ano máis, os disfraces dos membros do Goberno volvémolos pagar os veciños de Trazo, mentres os demais participantes teñen que pagar os seus do propio peto.
E só entre decembro e marzo gastaron máis de 6.000 € en empanadas, chocolate, roscas e similares.
Para o realmente importante sempre hai unha escusa.
Para festa, comida e disfraces… sempre hai cartos.
Mentres tanto, os cartos de todos seguen concentrándose unha e outra vez nos mesmos lugares, e hai aldeas que continúan esperando polo que realmente necesitan.
Porque os lavados de cara e o asfalto cando se achegan as eleccións cada vez enganan a menos xente.
Menos festa. Menos peloteo. Menos propaganda.
E máis gobernar para todos.