07/09/2026
🌲 O venres 4 de setembro arrancou a segunda parte do CEGOR coa visita a Maderas Besteiro, o laboratorio PEMADE-USC e o edificio IMPULSO VERDE do Concello de Lugo. En Maderas Besteiro, Adolfo Montero, director da Oficina Técnica, guiou unha visita polas instalacións, na que se puido ver funcionando a máquina de control numérico de 6 eixes para a mecanización de elementos estruturais de madeira. Impresionante, un orgullo contar con empresas como Maderas Besteiro en Galicia.
Tras a visita a Maderas Besteiro visitouse o laboratorio PEMADE-USC. Na visita, guiada polo catedrático Manuel Guaita e polo profesor Jose Antonio Lorenzana, o grupo CEGOR tivo a oportunidade de presenciar o ensaio a rotura dun elemento estrutural de madeira e coñecer os últimos avances no desenvolvemento de estruturas mixtas de madeira-formigón que está desenvolvendo a Universidade de Santiago en colaboración coa empresa RODIÑAS, outro motivo de orgullo, que vén verificar o lema de «máis madeira, que isto é Galicia».
🏗️ Para finalizar a xornada visitouse o edificio IMPULSO VERDE do Concello de Lugo. Recibiunos o arquitecto Benigno Jauregui, da Empresa Municipal de Vivenda e un dos artífices do proxecto de referencia de construción sostible en madeira, no que Galicia é, cada día máis, un referente de iniciativas públicas e privadas de éxito.
📸 Na última imaxe podemos ver ao CEGOR posando en PEMADE-USC cos profesores Manuel Guaita e Jose Antonio Lorenzana sobre as estruturas híbridas de madeira-formigón desenvolvidas no proxecto europeo LIFE, no que tamén participou a empresa galega de prefabricados RODIÑAS.