24/08/2026
Fíos que crean historias e unen xeracións: a agulla, o peixe e a cana de pescar danse a man en Sandiás
A Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Sandiás acolleu este sábado, 22 de agosto, a inauguración da terceira exposición de costura, titulada «Fíos que crean historias. Imaxina, crea, transforma. Todo comeza cun fío». A mostra reúne preto de 50 pezas de roupa, traballos de reciclaxe, bordados e outras creacións realizadas no Obradoiro de Costura, desenvolvido no Local Social de Sandiás e animado por Geni Losada.
Grazas aos 100 veciñas e veciños do concello e comarca da Limia e Ourense que acompañaron o traballo dun grupo nun traballo de creación colectiva ao redor dun oficio popular. Presentou o evento o concelleiro Tito Traveso en nome do alcalde agradecendo o traballo de Geni Losada e a creatividade do grupo do obradoiro. Falou tamén Pepe Gándara, concelleiro de cultura contextualizando as tres exposicións vinculadas co fío e a costura e tamén Geni Losada do traballo do obradoiro e Alejandro Portela falando da súa saga familiar, orixe da súa afección. Unha veciña, Tinita, representante do grupo do obradoiro fíxolle entrega tamén dun precioso ramo de flores en agradecemento polo seu traballo feito con moita xenerosidade e creatividade.
No obradoiro participaron preto de 20 persoas, que puxeron a proba a súa iniciativa, aprendizaxe e creatividade nos seus proxectos de patronaxe e confección. Ao longo deste tempo realizáronse aproximadamente 19 pezas de roupa con tecidos novos, pero tamén se aproveitaron materiais xa existentes para darlles unha segunda vida. Entre pantalóns vaqueiros e camisas recicladas elaboráronse outras 30 pezas, transformándoas en saias, bolsos, mandís, fundas para botellas e outras creación. A exposición tamén incorpora os bordados e outras labores que cada participante foi realizando segundo os seus gustos e preferencias. Detrás de cada peza hai tempo, traballo, aprendizaxe e, sobre todo, moita ilusión.
A costura tamén se presenta como unha ferramenta para reciclar, crear novas pezas e g***r do proceso creativo. Por este motivo, na mostra están presentes os peixes deseñados e cosidos para o último Entroido, que formaron parte do traxe dunha comparsa e acompañaron a carroza presentada a concurso, que conseguiu varios premios. A presenza destes peixes serviu, ademais, para render unha pequena homenaxe aos pescadores da zona, un colectivo actualmente reducido, pero que forma parte da historia e das lembranzas de Sandiás.
Entre esas lembranzas atópase a figura do avó de Alejandro Portela, gran afeccionado á pesca e, ademais, excelente xastre. Co paso dos anos, o seu neto continuou coa tradición e foi un paso máis alá, converténdose, xunto coa actividade pesqueira, nun artesán capaz de fabricar as súas propias canas de pescar. A selección dos materiais, a preparación, o traballo manual e a elaboración de cada cana forman parte dun proceso que require paciencia, experiencia e coñecemento. Na exposición pode contemplarse unha cana elaborada artesanalmente e disposta para a venda, como lembranza e homenaxe a todas aquelas persoas que forman parte da tradición e da memoria da zona.
Do mesmo xeito que a I Exposición de Costura foi unha homenaxe aos xastres e costureiras, e a II Exposición estivo dedicada aos labregos e labregas do concello, esta terceira edición puxo o foco na aprendizaxe, a tradición e a memoria familiar arredor da costura, da pesca e do oficio artesanal de elaborar canas de pescar.
A inauguración estivo acompañada dun momento de convivencia no Local Social do Concello de Sandiás, con petiscos para as persoas asistentes. A mostra ten como obxectivo compartir os traballos realizados ao longo deste obradoiro, que continuará ata o mes de novembro, así como render homenaxe a estes oficios e ás persoas que contribuíron a manter viva a memoria da zona.
A exposición estará dispoñible para visitar posteriormente na Sala de Exposicións da Casa de Cultura de Sandiás de martes a domingo en horario de 16.00 h a 20.00 h.