25/10/2024
*
DESCUBERTOS DOUS QUILÓMETROS DE GALERÍAS NA COVA MÁIS FONDA DE GALICIA
Un equipo formado por ata 40 espeleólogos atopou condutos subterráneos, salas e pozas no interior da sima Aradelas, no Xeoparque do Courel
Equipos espeleolóxicos galegos e asturianos descubriron dous quilómetros de galerías e pozos virxes na cova máis profunda de Galicia, a sima Aradelas, ao norte do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. A sima Aradelas, coñecida dende sempre polos habitantes de Campelo e outras aldeas da contorna, foi explorada por primeira vez en 1972 polos clubs Santa Clara e Montañeiros Celtas de Vigo. Estes clubs exploraron a sima acadando os 120 metros de profundidade en 1973. Na década dos anos 90, foron descubertos 10 metros máis, convertindo á sima do Courel na cova máis fonda de Galicia e nun referente espeleolóxico dentro da comunidade.
Agora, nove entidades galegas vencelladas á espeleoloxía elaboran un novo plano da cova, que inclúe máis de dous quilómetros de condutos subterráneos, salas e ata pozas. O achado fíxose despois de realizar escaladas no interior da sima. Segundo explican, os condutos presentan “unha gran variedade e abundancia de espeleotemas“, depósitos de minerais con distintas formas que son froito da filtración da auga no interior das cavidades dunha caverna. No caso da cova do Courel, no interior da sima é posible ver estalagmitas, columnas, gours, pisolitos, helicitas ou excéntricas.
Segundo Inma Pumariño Riguera, espeleóloga e exploradora nesta campaña de 2024, os novos achados comezaron grazas a un pequeno grupo que penetrou na sima, onda atoparon unha ventá que os levou a unha zona de novas galerías: “Este grupo de espeleólogos tivo a xenerosidade de compartir e facernos partícipes destes descubrimentos ó resto do gremio”. Para Riguera, o mellor traballo é aquel que se fai en equipo, xa que “os grandes logros xeralmente dependen de moitas mans, como neste caso”.
O descubrimento de Aradelas ten unha importancia especial: na última década atopáronse máis de catro km de novas galerías en Galicia. No que respecta ao Xeoparque do Courel, o novo achado supón incrementar en máis dun 25% os condutos descubertos baixo terra. Sen dúbida, explica a exploradora, trátase de datos importantes para a espeleoloxía galega e, á vez, demostra que aínda queda moito por explorar: “Non sabemos canto, pero gustaríanos pensar que queda moito!”.
Outro dos aspectos máis destacables deste traballo colaborativo vencéllase directamente coas peculiaridades do noso terreo. A maior parte das covas de España están formadas en pedras calizas do carbonífero e do cretácico, mais a meirande parte das covas galegas están formadas en calizas do período cámbrico: “Isto quere dicir que as rochas das covas galegas son o doble de vellas que as outras, o cal constitúe outra singularidade encanto á idade das rochas”, reflexiona a espeleóloga.
LER TODO O ARTIGO
https://www.gciencia.com/medioambiental/descubertos-dous-quilometros-de-galerias-na-cova-mais-profunda-de-galicia/