28/05/2026
O Bloque Nacionalista Galego da Pobra do Caramiñal, quere manifestar o seguinte:
1. O BNG da Pobra do Caramiñal, incluídas as nosas compañeiras do propio Grupo Municipal, non tiña coñecemento da iniciativa impulsada pola Alcaldía da Pobra do Caramiñal da celebración do Día das Forzas Armadas Españolas no noso concello.
2. O BNG non só non era coñecedor desta actividade senón que a rexeita contundentemente, manifestando a nosa rotunda oposición á celebración da mesma, nun momento ademais onde os conflitos armados se estenden por todo o planeta e onde millóns de persoas padecen as súas graves consecuencias.
3. Nin o noso país nin o noso concello son alleos a unha situación internacional dominada polas guerras e calquera tipo de actividade de exaltación do militarismo e do belicismo, que o único que pretenden é branquear o papel dos exércitos e o belicismo, merece a nosa máis firme condena e oposición.
4. O BNG segue a acreditar nun mundo que se sustente na paz, no respecto mutuo, na soberanía dos pobos e na solución dos conflitos pola vía diplomática e por iso repudiamos:
- O brutal incremento destinado a gasto militar por parte dos Gobernos da UE, nomeadamente do Estado español, mentres a cidadanía sofre os intensos e continuos recortes en sanidade, ensino, vivenda ou política social.
- Este tipo de exaltacións do militarismo e das armas, polo que nos opoñemos radicalmente á celebración desta actividade ou de calquera outra similar no noso concello.
5. En coherencia co anterior, facemos un chamamento a toda a veciñanza da Pobra do Caramiñal a participar na manifestación que vai ter lugar o vindeiro sábado, 30 de maio, ás 12:00 h., na Vía Norte da cidade de Vigo, en contra da exaltación do militarismo e do belicismo e a favor da paz e da soberanía dos pobos.
A Pobra do Caramiñal, 28 de maio de 2026.
ASEMBLEA LOCAL DO BNG
A POBRA DO CARAMIÑAL