09/01/2025
O alumnado da Escola de Artes e Oficios da Deputación reflexiona sobre as súas raíces nunha exposición colectiva
A mostra inaugurada no Centro Cultural Marcos Valcárcel contén pezas de diversas disciplinas como a pintura, a talla, a olería ou o modelado en barro
Un dos obxectivos desta escolma de artistas é “gozar da diversidade” que hai na Escola, xa que hai creacións de nenos de 14 anos ata de maiores de 80
A gran novidade é que se trata da primeira mostra da Escola con obra propia dos participantes, que dan un paso adiante na súa formación
A Escola de Artes e Oficios de Ourense, organismo da Deputación de Ourense, inaugura a exposición colectiva “Raíces”, a primeira que se fai con proxectos de creación propia e orixinal dos alumnos da escola. Formada por 34 obras de diversas disciplinas, exhíbese no centro cultural Marcos Valcárcel. As pezas son froito do traballo de todo o curso deste alumnado, pertencente a unha escola senlleira que medra en usuarios ano a ano. O principal reto foi elaborar pezas propias, máis alá das reproducións que adoitan facer os participantes da Escola no obradoiro.
Segundo trasladan os responsables da mostra, o concepto de “Raíces” fai referencia a que en 2025 o Día das Letras Galegas dedicarase ao cancioneiro popular galego e ás cantareiras. Estes, xunto cas cantigas e cantos tradicionais, son un patrimonio vivo que perdurou durante séculos, como tamén o son os oficios e as disciplinas que se traballan na Escola.
Neste sentido, os responsables fan referencia a un anaco dunha popular cantiga, que di “a raíz do toxo verde, é moi mala de arrincare”. “Parécennos uns versos moi axeitados para definir o que se pode descubrir nesta mostra”, sinalan os organizadores.
Nesta exposición, os alumnos dan un paso adiante na súa formación como pintores e escultores, xa que exhiben a súa obra propia, despois de desenvolvela coas únicas directrices de basearse no concepto de “raíces”. Durante meses traballaron na creación dos seus proxectos máis persoais, apoiados polo profesorado da Escola.