21/08/2026
Este ano fanse 30 anos da conmemoración ininterrompida do Día da Galiza Mártir en Oleiros, sempre (agás un ano) na praza da Liberdade de Nós.
Un acto que desde hai xa bastantes anos dedicamos á recuperación da memoria histórica democrática local: nomes e voces, feitos e lugares que desde Oleiros -ou puntos próximos da comarca- loitaron por unha sociedade máis xusta e libre desde as posibilidades que a etapa da República daba.
Foi Oleiros naqueles anos, como levamos moitos agostos recordando en Nós, un concello especialmente fecundo en proxectos populares de todo tipo para comezar a soñar e construír ese mundo novo. Foi Oleiros tamén o lugar da comarca, despois da propia cidade da Coruña, onde máis se asañou o fascismo en borrar todas aquelas pegadas despois do 18 de xullo de 1936. E dentro do noso concello foi a parroquia de Nós onde máis cruel foi toda aquela violencia. Porque foi onde máis lonxe o pobo se atrevera a chegar. Por iso alí a praza da Liberdade, a carón dunha Casa do Pobo que naceu, precisamente, soñada (e comezada a construír) naqueles luminosos anos republicanos. Por iso alí o monumento a Alexandre Bóveda. Por iso alí o monumento erguido na memoria de Xaquín Taboada e dos seus compañeiros.
Este domingo 23 ao mediodía volvémonos xuntar en Nós como desde hai 30 anos para seguirmos recuperando nomes e historias locais, xuntando neste caso ideais e arquitectura. Facémolo contando coa inestimábel colaboración de quen hai 30 anos iniciou todo isto (e sempre estivo aí): a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, que ademais este ano festexa o seu medio século de vida.
Farémolo contando coa música do Miro Casabella, quen muito ten a ver coa historia mesma do lugar (da Casa do Pobo de Nós e da praza da Liberdade), e coa palabra de Laura Rei, Iria Taibo, deputada do BNG no Parlamento de Galiza e veciña de Oleiros e Sol Agra, deputada provincial do BNG responsábel da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña.
Agardámosvos!
O acto, organizado polo BNG de Oleiros e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar este domingo na Praza da Liberdade de Nós