07/08/2026
🤝💙O Concello de Oleiros contratará por 116.259,35 euros un programa de apoio ás persoas coidadoras e atención á dependencia durante 4 anos. A iniciativa reforza o compromiso municipal co benestar das persoas coidadoras e das persoas en situación de dependencia, ofrecendo un servizo especializado de acompañamento, formación e estimulación.
O programa, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, busca reducir o impacto físico, emocional e social que supón coidar dunha persoa con enfermidades crónicas ou neurodexenerativas, ao tempo que favorece a autonomía e a calidade de vida das persoas usuarias.
🧠 O servizo estrutúrase en tres liñas de intervención. A primeira está dirixida ás persoas coidadoras e inclúe os talleres terapéuticos “Descubrindo emocións” e “Coidando emocións”, con grupos de ata 15 participantes. Ofreceranse ferramentas para afrontar o estrés, compartir experiencias e fortalecer o apoio emocional.
🧩 A segunda liña corresponde ao programa de estimulación cognitiva para persoas con alzheimer ou outras enfermidades neurodexenerativas en fase inicial, con ata 15 prazas e dúas sesións semanais no Centro Cívico de Santa Cruz. Ademais de manter as capacidades cognitivas, facilita tempo de descanso ás persoas coidadoras.
🌿 O programa complétase coa actividade O paseo dos sentidos, integrada na terceira liña de intervención: oito saídas anuais pola natureza, con grupos de ata 15 persoas, para promover a socialización, o benestar emocional e a creación de redes de apoio.
Con esta actuación, o Concello continúa fortalecendo os recursos municipais de apoio ás familias, impulsando un modelo de atención integral que mellora a calidade de vida tanto das persoas coidadoras como das persoas en situación de dependencia, ao tempo que promove o seu benestar físico, emocional e social.
➕📲Calquera dúbida ao respecto poden consultala nas oficinas da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, chamando ao teléfono de atención veciñal 981 61 00 00 ou contactando no correo electrónico [email protected]