08/07/2026
🟢 Cada detalle importa para camiñar a senda dunha Noia mellor!
⁉️ Que opción prefires?? As pedras que colocou o Goberno municipal ou a cuberta con romeu rastreiro, tomiño, santolina ou gramíneas ornamentais pola que apostaría o BNG?
👇🏼 Nós temos moi clara a resposta
Resulta difícil comprender que nunha actuación relativamente recente se eliminen unhas reixas para alcorques deseñadas especificamente para este espazo, integradas no pavimento e cunha imaxe coidada, para substituílas por un árido aglomerado dunha cor que non garda ningunha relación co resto dos materiais empregados.
A explicación de seguro que é que o mantemento das reixas resulta complexo. Incluso que poden molestar aos poucos vehículos que aparcan nesta zona.
Pero o mantemento dun espazo público non debería condicionar ata ese punto a calidade do deseño urbano.
Se unha solución prevista no proxecto presenta problemas de mantemento, o lóxico é conservala adecuadamente ou buscar unha alternativa que mellore o espazo, non outra claramente inferior desde o punto de vista estético, funcional e ambiental.
O resultado é evidente: pérdese a identidade do proxecto e introdúcese un elemento que rompe completamente a harmonía do conxunto. O ton avermellado do novo material non dialoga nin co granito nin coa linguaxe material do espazo, xerando unha sensación de improvisación e de parche.
Pero o máis preocupante non é só a substitución das reixas.
O realmente decepcionante é a falta de ambición para transformar unha dificultade de mantemento nunha oportunidade para mellorar o espazo público.
Estamos diante dun ámbito no que o granito domina practicamente toda a superficie. Nun contexto de aumento constante das temperaturas e de ondas de calor cada vez máis frecuentes, cada metro cadrado susceptible de incorporar vexetación debería ser considerado unha infraestrutura verde de enorme valor.
Se as reixas daban problemas, por que non apostar por unha solución vexetal de baixo mantemento? Unha cuberta con romeu rastreiro, tomiño, santolina ou gramíneas ornamentais achegaría biodiversidade, favorecería a infiltración da auga, reduciría o efecto de illa de calor, melloraría a paisaxe urbana e faría este espazo máis agradable.
Pola contra, escolleuse a solución máis simple: cubrir os alcorques cun árido aglomerado que rompe completamente a harmonía do conxunto e converte un espazo con potencial ecolóxico nun simple recheo. Ademais, está por ver como responderá este material co paso dos anos e se afectará ao desenvolvemento dos propios liquidámbares.
A vila do século XXI non pode seguir respondendo aos problemas eliminando natureza. Debe facer precisamente o contrario: aproveitar cada oportunidade para gañar verde.
Porque un alcorque non é un simple burato arredor dunha árbore. É unha pequena infraestrutura verde capaz de facer o espazo máis fresco, máis resiliente e máis amable.
O urbanismo de calidade non consiste en reducir o mantemento. Consiste en aumentar o valor do espazo público. E iso pasa, inevitablemente, por incorporar máis natureza, non menos.