30/07/2026
👉 Sobre as "certificacións de obra": o BNG demostra que descoñece —ou finxe descoñecer— como funciona un contrato público.
O BNG resume a resposta do concelleiro nunha frase solta —"se non cumpren, pagaráselles menos"— coma se fose unha ocurrencia ou un sinal de deixadez. Ou non saben como funciona a contratación pública, ou saben perfectamente e prefiren agochalo para facer ruído fácil.
Porque o propio contrato (expediente 863/2025, publicado o 14 de maio de 2025) establece con toda claridade que o pago faise contra factura, detallando as actuacións e o prezo por metros efectivamente executados, e require informe favorable do responsable do contrato antes de aboarse (cláusula 24). Se a empresa non fixo o traballo, non se lle paga. Punto.
E se o incumprimento persiste, o mesmo prego (cláusula 23) prevé un réxime sancionador regrado, con multas de ata 3.000 € e a posibilidade de resolución do contrato. É dicir, existe todo un procedemento legal e documentado detrás dunha simple frase que o BNG presenta coma se fose improvisación do goberno. Ou o descoñecen —o que sería preocupante nun grupo que leva anos na oposición fiscalizando contratos— ou o coñecen e prefiren simplificalo interesadamente para acusar sen fundamento. Nin unha cousa nin outra fala ben deles.
❌ O oportunismo de sempre: esixir aforro cando lles convén e gasto cando tamén lles convén
Este é o truco de sempre do BNG: quéixanse do gasto público, esixindo "control real do que se paga co teu diñeiro" —e ao mesmo tempo son os primeiros en pedir máis investimento público cando lles interesa. Sen ir máis lonxe, hai poucas semanas reclamaban ó Concello que asumise a compra e rehabilitación da Casa da Serea e da Casa Bello Piñeiro. Non se pode ir de austeros cando se fiscaliza un contrato de desbroce, e pedir gasto público sen problema cando se trata doutra administración ou doutro proxecto que lles interesa politicamente. Coherencia, ningunha; oportunismo, todo.
✅ E cando gobernaba o BNG, como estaban as rúas?
Non hai que ir moi lonxe. En xuño de 2013, con goberno do BNG en Mugardos, así estaban as rúas do municipio: Rúa Coruto, Rúa Areosa, Rúa Francisco Yáñez e Aldea o Baño, todas coa mesma imaxe repetida — maleza invadindo calzadas e beirarrúas, sen sinal ningún de mantemento.
(imaxes: Google Street View, varias rúas de Mugardos, xuño 2013)
Non é unha foto illada nin unha excepción puntual: é o estado xeral do viario baixo o seu propio goberno. Chama a atención que quen agora esixe "control real do que se paga co teu diñeiro" e planificación anual coidada, cando tiveron a responsabilidade de goberno deixaron as rúas exactamente no abandono que agora din denunciar. É doado esixir perfección dende a oposición; outra cousa é cumprila dende o goberno.