23/02/2023
🌾🌳 ÚLTIMA PROPOSTA: PERMUTAS DE PROPIEDADES
A vaca teno claro.
Moción: Abrir diálogo con agrupacións veciñais, gandeiros/as, agricultores/as do noso concello e diferentes axentes sociais para analizar a pertinencia ou non de impulsar un proxecto de permutas de terra similar ao que xa se está levando a cabo no venciño concello de Friol.
Máis info: Fai xa anos que o veciño concello de Friol está aplicando un modelo que permite o acceso á terra para aqueles/as agricultores/as e gandeiros/as que precisan de maior concentración de terreo para que as súas explotacións sexan rendibles. É un modelo que se demostra aporta solución neste sector e que moitos concellos están a replicar: Castro de Rei, Outeiro de Rei, Guntín…
Trátase de permutas de parcelas que nin sequera terían por que supor un contrato de compra-venta (senón cesión de uso) aínda que no caso de Friol sí se produze a reestructuración da propiedade da terra. Como afirma o seu alcalde nalgúns medios de comunicación: “É coma unha concentración parcelaria exprés e moito máis económica”. En Friol colabora o GDR (Grupo de Desenvolvemento Local) que aporta parte do gasto para que os interesados non teñan que sufragar os custos tan elevados que lles suporían estes trámites. Na Pastoriza, porén, o concello actúa máis ben como xestor e facilitador do arrendamento de predios que os propietarios non usan para facilitalos a interesados que precisan aumentar a extensión de terreo próximo entre sí para as súas explotacións.
É preciso, non obstante o anterior, contactar coa veciñanza para comprobar se no caso do noso concello poderían ser modelos que ofrezan interese. O concello actúa como intermediario facilitando a burocracia dos trámites en colaboración co GDR.