31/08/2026
🌱 O pasado venres estivemos na Casa de Labor de Pousadoiro, nunha sesión formativa do Obradoiro de Emprego "Redondela Natureza" (Obradoiros de Emprego Redondela), un programa mixto de formación e emprego.
Marcos Vázquez, responsable de Promoción do Craega, impartiu unha clase maxistral dirixida ao alumnado-traballador da especialidade de Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica, co obxectivo de complementar a formación que están a recibir nesta materia.
Durante a sesión abordáronse cuestións como a certificación da produción ecolóxica, a normativa europea, o funcionamento do Consello, o proceso de inscrición, o selo ecolóxico e os controis que garanten a trazabilidade dos produtos certificados.
A actividade enmárcase nun ciclo de masterclass no que se convida a técnicos e expertos para afondar en temas concretos. Neste caso, a xornada serviu para achegar ao alumnado a certificación ecolóxica dunha maneira dinámica, instrutiva e participativa, asentando coñecementos e resolvendo dúbidas arredor do sector eco 🤝
Desde o Craega vemos moi interesante a posta en marcha de obradoiros de emprego que incorporen módulos relacionados coa produción e a comercialización de produtos ecolóxicos, xa que contribúen a formar persoas preparadas para traballar nun sector con presente e con moito percorrido en Galicia.
Grazas ao Obradoiro de Emprego "Redondela Natureza", ao Concello de Redondela e á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por facer posibles espazos de formación que axudan a achegar a produción ecolóxica ao territorio 💚