04/06/2026
🚧 𝑨𝒗𝒂𝒏𝒛𝒂𝒏 𝒐𝒔 𝒑𝒓𝒐𝒙𝒆𝒄𝒕𝒐𝒔 𝒑𝒂𝒓𝒂 𝒎𝒆𝒍𝒍𝒐𝒓𝒂𝒓 𝒂 𝒔𝒆𝒈𝒖𝒓𝒊𝒅𝒂𝒅𝒆 𝒗𝒊𝒂𝒓𝒊𝒂 𝒆𝒏 𝑪𝒂𝒛𝒐𝒍𝒈𝒂 𝒆 𝑺𝒂𝒏𝒕𝒐 𝑻𝒐𝒎𝒆́
👥 A alcaldesa, Rocío López, acompañada polo tenente de alcalde, Javier Huertas, e pola concelleira Mercedes Dengra, mantivo unha visita de traballo co servizo técnico de Vías e Obras da Deputación de Lugo para analizar distintas necesidades que afectan ás estradas provinciais LU-P-2804 (Lourenzá-Cazolga) e LU-P-2801, ao seu paso por Santo Tomé.
👉🏻 Na visita tamén participaron representantes da Asociación de Veciños da Cazolga, coñecedores de primeira man das necesidades desta zona.
📍No caso da estrada LU-P-2804, que comunica o núcleo de Lourenzá co barrio da Cazolga, estudaranse actuacións para mellorar a seguridade viaria nun tramo estreito que soporta un importante tránsito de vehículos pesados debido á actividade forestal existente. Entre as opcións que se están valorando figura a execución de cunetas de formigón que faciliten o cruce de vehículos en condicións máis seguras.
Esta problemática xa fora trasladada recentemente á presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, durante a súa visita a Lourenzá, mostrando desde o primeiro momento unha total disposición para colaborar na procura dunha solución.
📍Pola súa banda, na estrada LU-P-2801, as actuacións previstas pasan por estudar alternativas que permitan resolver a situación existente nun inmoble situado nun dos puntos máis estreitos do núcleo de Santo Tomé, co obxectivo de dar continuidade ás beirarrúas e mellorar a seguridade dos peóns.
Desde a Área de Vías e Obras da Deputación xa se está a traballar nos estudos de viabilidade necesarios para dar resposta a estas demandas.
O Concello de Lourenzá agradece a colaboración e a boa disposición da Deputación de Lugo para atender as necesidades do municipio e seguir avanzando na mellora das infraestruturas do rural, sempre coa seguridade da veciñanza como prioridade.