26/08/2026
🙌 GRAZAS!
Onte puxemos o punto e final ás Festas na honra a San Bartolomeu 2026, e dende o Concello da Gudiña queremos aproveitar para facer chegar o noso máis sincero agradecemento e felicitación á O Carballal Comisión de festas da Gudiña polo seu traballo, compromiso e implicación.
Grazas por facer posible que veciños, veciñas e visitantes puidésemos desfrutar dunhas grandes festas, pero tamén por todo o traballo que hai detrás durante o resto do ano, organizando xuntanzas, actividades e eventos que contribúen a manter unido e vivo o noso pobo.
E este agradecemento queremos facelo extensivo tamén a todas as comisións de festas, asociacións culturais e asociacións veciñais dos diferentes pobos que forman parte do Concello da Gudiña. Grazas por organizar festas patronais, foliadas, ceas, encontros e tantas outras actividades ao longo do ano. Grazas por dedicar o voso tempo, esforzo e ilusión a facer comunidade.
Porque detrás de cada festa e de cada evento hai persoas que traballan de maneira desinteresada para que os demais poidamos desfrutar. E ese compromiso ten un valor enorme.
Grazas por manter vivas as nosas tradicións, por darlles vida aos nosos pobos, por favorecer o encontro entre veciños e veciñas e por contribuír a que as nosas aldeas sigan sendo lugares vivos, unidos e con futuro.
Sen vós, moito do que somos e do que vivimos como comunidade non sería posible.
🫶 Grazas de corazón a todas e todos.