08/09/2026
📣 O Alcalde aborda con Demarcación de Estradas en Galicia solucións para sacar o tráfico pesado do centro urbano, resolver as pluviais da N-120 e mellorar a seguridade peonil na A-52
📍Luis Piña mantivo o pasado 31 de agosto unha reunión de traballo na Coruña, co enxeñeiro xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río, para tratar distintos expedientes relacionados coa N-120 e a A-52.
🔶 · Avanzar na tramitación do novo viario das Tapadas, proxectado para crear unha alternativa ao tráfico pesado que atravesa actualmente o núcleo urbano. Expediente paralizado debido ás afeccións derivadas da A-52, polo que o Alcalde presentou unha proposta de trazado para evitar ou reducir estas afeccións.
🔶 · Solicitar tamén o desbloqueo do proxecto de pluviais da N-120. Neste tema o Alcalde propuxo aproveitar as obras de humanización da rúa Antonio Facorro, actualmente en execución, para estudar unha solución que permita separar as augas pluviais procedentes da nacional da rede municipal de saneamento.
🔶 · Reclamar o estudo dunha alternativa que permita garantir un tránsito peonil seguro nos dous enlaces da A-52 co casco urbano, unha reivindicación histórica do Concello ante a ausencia dunha infraestrutura específica para realizar estes cruces con seguridade.
1️⃣ Unha alternativa para o novo viario DAS TAPADAS
👉Un dos asuntos centrais da reunión foi o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a realización dun novo viario nas Tapadas, unha infraestrutura que o Concello considera fundamental para resolver o tránsito de vehículos pesados que actualmente atravesa o núcleo urbano.
📑O futuro viario ten como obxectivo crear unha alternativa ao tráfico entre a PO-406 e a EP-5005, permitindo retirar do centro urbano boa parte do tráfico pesado xerado polos polígonos industriais, o parque empresarial, as actividades extractivas das canteiras e outras zonas como o tránsito procedente da estrada de Celanova ou o polígono de Cortegada, que teñen que acceder á A-52 polos viais do núcleo urbano.
🛣️Este PEID precisa de varios informes sectoriais para a súa tramitación que actualmente está paralizada en Demarcación de Estradas polas afeccións derivadas da A-52 que afectan ao seu trazado.
📍Durante a reunión, o Alcalde Luis Piña, acompañado por Alfonso Botana, encargado da redacción e tramitación técnica do Plan, presentou unha alternativa de trazado que permitiría evitar ou reducir boa parte destas afeccións. A proposta foi entregada aos servizos técnicos de Estradas para que poidan analizar a súa viabilidade e determinar, se é necesario, os axustes que deberían introducirse.
🤝O Concello considera especialmente importante manter na solución definitiva o enlace coa PO-406, que debería producirse á altura da estrada que parte cara ao Cuartel da Garda Civil e que posteriormente desemboca na rúa Álvaro Cunqueiro. Esta conexión considérase fundamental para garantir a funcionalidade do futuro viario e cumprir co obxectivo de desviar o tráfico pesado do centro urbano da Caniza.
2️⃣ Solicítase o desbloqueo do proxecto de pluviais da N-120
👉O segundo dos asuntos abordados foi o desbloqueo do proxecto de acondicionamento de beirarrúas e rede de pluviais da N-120, correspondente ao expediente 38-PO-50040.
🗣️Durante a reunión púxose de manifesto a problemática que xera actualmente a incorporación das augas pluviais procedentes da N-120 á rede municipal de saneamento, provocando sobrecargas no sistema e un incremento dos caudais que chegan á estación depuradora urbana, EDARU.
📍Neste contexto, o Alcalde trasladou unha posibilidade concreta para avanzar na solución do problema aproveitando as obras de humanización da rúa Antonio Facorro, actualmente en execución.
🚧A actuación municipal inclúe unha nova canalización subterránea desde a Praza Maior ata a rotonda do Olivo, o que permitiría estudar a recollida das augas pluviais da N-120 á altura da Praza Maior e a súa condución a través desta nova infraestrutura.
🤝O Alcalde propón que se estude esta posibilidade, aproveitando unhas obras que xa están en marcha e que teñen un prazo previsto de execución de 9-10 meses, evitando así que sexa necesario volver actuar posteriormente sobre a rúa Antonio Facorro.
3️⃣ Unha solución segura para os peóns nos enlaces da A-52
👉O terceiro asunto trasladado polo Alcalde foi a necesidade de buscar unha solución segura para o tránsito peonil nos dous enlaces da A-52 co casco urbano da Caniza, unha reivindicación histórica do Concello que se mantén desde a posta en funcionamento da autovía no municipio, a finais dos anos noventa.
🚶🏻Estes enlaces, un en sentido Vigo e outro en sentido Ourense, son utilizados diariamente por veciños e veciñas que se desprazan a pé cara a equipamentos como o cemiterio municipal, o campo de fútbol de O Vieiro e outras instalacións hostaleiras.
🛣️Na actualidade, os accesos e interseccións non dispoñen dunha infraestrutura peonil específica que permita realizar estes cruces coas debidas garantías de seguridade, polo que as persoas que realizan estes desprazamentos deben compartir o espazo de circulación cos vehículos.
🗣️Por este motivo, o Alcalde solicitou á Demarcación de Estradas que realice un análise específico dos dous enlaces e estude as diferentes alternativas técnicas que permitan garantir un cruzamento peonil seguro, tendo en conta as características de cada punto, a intensidade do tráfico e as posibilidades físicas existentes.
🤝 Tras a reunión Luis Piña destacou a importancia de manter unha interlocución directa coa Administración titular destas infraestruturas para conseguir que as distintas actuacións poidan avanzar.
📣“Estamos falando de tres cuestións diferentes, pero todas teñen algo en común: afectan directamente á seguridade, á mobilidade e á calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Desde o Concello queremos propoñer solucións para que estas actuacións poidan avanzar e atopar unha resposta definitiva.”