02/09/2026
ACLARACIÓN DO GOBERNO ANTE AS INFORMACIÓNS DIFUNDIDAS POLO PP, DE BOUZÓS.
Ante as informacións difundidas nas últimas horas, o Goberno municipal considera necesario aclarar publicamente os feitos relativos á concentración anunciada polo Partido Popular na Praza do Concello.
A actividade deportiva de zumba prevista para hoxe ás 20.00 horas na Praza do Concello estaba programada desde hai meses dentro da programación municipal de verán. O espazo estaba reservado e todo o dispositivo necesario para a súa celebración —palco, megafonía e medios técnicos— estaba previamente coordinado coa empresa encargada da actividade.
Cómpre deixar claro que o Partido Popular de Gondomar non se puxo previamente en contacto co Concello, non presentou ningún escrito solicitando a utilización da Praza do Concello nin pediu a reserva deste espazo. O Goberno municipal tivo coñecemento da convocatoria a través da súa difusión nas redes sociais.
Segundo a información da que dispón o Concello, a convocatoria foi comunicada á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que informou da imposibilidade de realizar a concentración no lugar, día e hora propostos pola súa incompatibilidade cunha actividade municipal xa programada.
Desde o Concello trasladouse, ademais, a posibilidade de celebrar a concentración noutro espazo do casco urbano, como a Praza Rosalía de Castro, a contorna de San Bieito ou calquera outra localización adecuada, permitindo así que ambas as actividades puidesen desenvolverse con normalidade e sen ocasionar molestias á cidadanía.
Malia estas circunstancias, non se presentou solicitude ningunha ante o Concello, non se procurou coordinar unha alternativa e mantívose nas redes sociais a convocatoria para o mesmo día, á mesma hora e exactamente no mesmo lugar no que se celebraba a actividade deportiva municipal, coa presenza de numerosos veciños e veciñas.
Ante esta sucesión de feitos, resulta inevitable formular algunhas preguntas:
Que pretendía conseguir a portavoz do PP de Gondomar, Paula Bouzós, convocando nas súas redes sociais unha concentración nunha praza na que sabía que, a esa mesma hora, se estaba celebrando unha actividade municipal programada desde había meses?
Por que non se puxo en contacto co Concello para intentar coordinar horarios e buscar unha solución que permitise celebrar ambas as actividades?
Por que non optou por trasladar a concentración a outra praza ou espazo público próximo, evitando facer coincidir deliberadamente ambas as convocatorias no mesmo punto?
Por que se mantivo publicamente a convocatoria nese lugar cando non se presentara solicitude ningunha ante o Concello e existía unha incompatibilidade previamente comunicada pola Subdelegación do Goberno?
E, sobre todo, que se buscaba realmente convocando unilateralmente a cidadanía, a través das redes sociais, para acudir ao mesmo lugar e á mesma hora na que xa se atopaban numerosos veciños e veciñas participando nunha actividade municipal?
Son preguntas que, cando menos, merecen unha explicación.
O Concello de Gondomar quere deixar claro que en ningún momento pretendeu impedir a celebración dunha concentración nin cuestionar a causa que se pretendía defender. O problema era exclusivamente a coincidencia de lugar e hora cunha actividade organizada con meses de antelación. Había alternativas e podían buscarse solucións mediante o diálogo.
Lamentamos a confusión e as molestias ocasionadas á veciñanza. A responsabilidade política e institucional esixe diálogo, coordinación e respecto, especialmente cando se trata de evitar situacións innecesarias de tensión ou confrontación entre a cidadanía.
Os feitos están aí. As alternativas tamén estaban aí. Que cada quen saque as súas propias conclusións.