28/06/2025
🎈🎈🎈En pouco tempo faranse cinco anos desde que comezou este proxecto de Atención Temperá en Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade.
Semella que foi onte cando abriamos por primeira vez as portas do servizo e comezabamos a coñecer aos nosos nenos e nenas, ás súas familias, e a descubrir o que, sen dúbida, se convertería no traballo máis gratificante que calquera de nós podería soñar.
Daquela eran só bebés, pequenos seres aos que queriamos axudar, protexer, acompañar. Formamos un equipo que foi medrando con cada unha das súas familias, compartindo metas, preocupacións e moitísimas emocións.
Aprendemos a emocionarnos por aquilo que, a primeira vista, podían parecer pequenos detalles, pero que para eles eran conquistas enormes. Aprendemos a rir a gargalladas coas súas ocorrencias, a chorar de frustración cando algo non saía, a celebrar cada logro como un gran triunfo. Fixémolos parte do noso día a día, e eles cambiáronnos para sempre.
E así... case sen decatarnos, chegou o momento de despedir a aqueles bebés que hoxe xa son pequenas persoas valentes, curiosas, fortes, cunha enerxía e unha capacidade de superación que nos deixa sen palabras.
Son os nosos pequenos heroes. E dicímolo con todas as letras: querémolos de verdade. Porque estes cinco anos son apenas un suspiro para nós, pero para eles foron toda unha vida.
Un día, seguramente, volveremos a cruzarnos no camiño. E aínda que pasen os anos, nunca esqueceremos todo o que nos destes. Sodes pequenos, si, pero inmensos. Non existen palabras que poidan expresar todo o que significades para este equipo.
Esta será sempre a vosa casa. Nunca o esquezades. Nós, desde logo, nunca o faremos.
GRAZAS❤️❤️❤️