02/12/2016
Unha boa nova para as neveiras de Fixó!
TURISMO E CONCELLO ACORDAN A BÚSQUEDA DE NOVAS VÍAS DE FINANCIAMENTO PARA REMATAR A REHABILITACIÓN DAS NEVEIRAS DE FIXÓ
A Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Forcarei acordaron iniciar a búsqueda de novas vías de financiamento para rematar o ambicioso proxecto de rehabilitación das Neveiras de Fixó tras a conclusión da primeira fase, que supuxo un investimento de 103.000 euros, pero que quedou curto pola magnitude da obra, con foxos de máis de sete metros e muros perimetrais, e os sorpresivos achádegos que se atoparon durante a escavación e tarefas arqueolóxicas.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, visitaron estes espazos, cuxa primeira intervención xa quedou rematada. Castro quedou “encantada e impresionada coa labor feita”, segundo explicou Cachafeiro, que indicou que estivo presente todo o equipo de traballo e que se explicou pormenorizadamente o desenvolvemento desta primeira fase.
Ante a inesperada magnitude das Neveiras e dado que aínda resta por escavar a primeira delas, Castro e Cachafeiro acordaron buscar conxuntamente recursos económicos para rematar con este proceso de rehabilitación e posta en valor dunhas infraestruturas únicas en Galicia. “Son optimista pola sensibilidade de Nava Castro con Forcarei e coa exclusividade desta obra, así que creo que se conseguirá consignación orzamentaria por ambas partes e poderemos asinar un novo convenio para que as Neveiras lozan en todo o seu esplendor”, explicou a rexedora.
Polo demais, os traballos incluídos no proxecto xa quedaron completamente rematados, coa instalación da sinalización e o valado, que están elaborados en aceiro cortén, un material que se vai osidando para favorecer a súa integración coa contorna; e co deseño e entrega do logotipo das Neveiras e dos folletos informativos.
Na actualidade estase a traballar na organización dunhas charlas informativas abertas á cidadanía que contarán coa presenza do catedrático Camilo Fernández Cortizo e do especialista José Manuel Bértolo, que son os principais coñecedores da historia destas orixinais Neveiras. Con estas ponencias preténdese achegar o significado e valor das Neveiras a todos os veciños.
En canto á aparición dunhas críticas en redes sociais polo estado final da neveira rehabilitada, Cachafeiro sinalou que o valado instalado concebíuse por seguridade e para contar cun elemento diáfano que suxira a presenza do volume orixinal da neveira. Ademais, tanto o valado como a escaleira de caracol, que convida a entrar nesta infraestrutura, non se apoian en ningún elemento orixinal e son reversibles, polo que se estimou que eran a solución máis axeitada para a rehabilitación.