04/06/2026
🏊♂️🏊O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O CAMPIONATO GALEGO ALEVÍN-BENXAMÍN MIXTO DE VERÁN DE WÁTER-POLO
A Piscina Municipal de Lieiro converterase esta fin de semana no epicentro do wáter-polo galego coa celebración do Campionato Galego Alevín-Benxamín Mixto de Verán, que reunirá en Cervo a preto dun cento de deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia.
A competición foi presentada este mediodía pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, quen destacaron a importancia deste evento deportivo tanto para a promoción do deporte base como para a dinamización do municipio.
A categoría Alevín disputarase os días 6 e 7 de xuño. O sábado os encontros comezarán ás 11:00 horas pola mañá e ás 16:00 horas pola tarde, mentres que o domingo arrancarán ás 10:30 horas e continuarán ás 15:30 horas. O sistema de competición desenvolverase en formato de liguiña, cuartos de final, semifinais e finais.
Participarán os equipos do CW Santiago Masculino, CW Santiago Feminino, RCN de Vigo A, RCN de Vigo B, CW As Mariñas, CW Lugo, C Marina Ferrol e CW Coruña Rías Altas.
Pola súa banda, a categoría Benxamín xogará os seus encontros o sábado ás 12:30 e ás 18:15 horas, nun formato de liga, coa participación do RCN de Vigo e do combinado CW As Mariñas/CW Santiago.
Durante a presentación, a alcaldesa agradeceu á Federación Galega de Natación a confianza depositada unha vez máis no municipio para acoller unha competición autonómica destas características.
Dolores García Caramés puxo en valor as instalacións deportivas municipais, especialmente a Piscina de Lieiro neste caso “que conta cunhas condicións excelentes para albergar eventos desta relevancia e para seguir fomentando a práctica deportiva entre os máis novos”.
A rexedora destacou tamén a importancia deste campionato para a promoción de Cervo como destino deportivo e turístico, e animou ás familias, deportistas e acompañantes que se desprazarán ata o municipio durante a fin de semana “a desfrutar da nosa contorna, da nosa gastronomía e de todos os atractivos que ofrece Cervo”.
👉Desde o Concello convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á Piscina Municipal de Lieiro para g***r dunha intensa fin de semana de deporte base e apoiar aos novos talentos do wáter-polo galego.