Bng Catoira

Cómo llegar Página web

Bng Catoira Páxina oficial do Bloque Nacionalista Galego en Catoira.

Catoira vivirá unha fin de semana de medo coa XXVI Procesión de Caveiras e novas actividades para todos os públicos  A p...
30/10/2026

Catoira vivirá unha fin de semana de medo coa XXVI Procesión de Caveiras e novas actividades para todos os públicos

A programación inclúe contacontos de trasnos e meigallos, magosto, chocolatada e un espectáculo familiar no Auditorio Municipal

Catoira prepárase para vivir unha fin de semana de medo coa celebración da XXVI Procesión de Caveiras, unha das citas tradicionais máis singulares do calendario local que este ano chega acompañada dunha programación con actividades para diferentes públicos. O goberno viquingo aposta así por seguir reforzando a celebración, que mantén a procesión como acto central, mais incorpora tamén propostas culturais e de lecer para ampliar a participación da veciñanza.

O concelleiro de Cultura Raúl Gómez Pato explica que a programación comezará o sábado 31 de outubro ás cinco da tarde na Biblioteca Municipal cunha sesión de contacontos a cargo de Iván Davila baixo o título ‘Contos de trasnos e meigallos’. O espectáculo consiste nunha narración oral que recupera mitos, lendas e seres fantásticos galegos como ‘O Busgoso’, un ser larpeiro,’O Burleiro’, outro ser coa capacidade de adoptar a forma de diferentes animais, e ‘Os Meniñeiros’, trasnos cativos, pequenos e invisibles que teñen a misión de facer rir aos bebés.

Ás sete da tarde chegará o momento máis agardado coa saída da XXVI Procesión de Caveiras desde o Pavillón Municipal de Deportes, acompañada pola Banda de Música de Catoira e polas persoas participantes na Escola Municipal de Teatro. O itinerario contará este ano cun atractivo especial, xa que ao longo do percorrido, o alumnado da escola realizará intervencións dramáticas de temática terrorífica para sorprender as persoas asistentes, crear unha atmosfera arrepiante e converter o paseo nunha experiencia chea de medo e misterio. A música da Banda Municipal contribuirá a completar o ambiente propio desta celebración. En caso de choiva, trasladarase ao Auditorio Municipal.

Ao rematar o percorrido, arredor das 19.45 horas, a Alameda do Concello acollerá o tradicional magosto, que servirá para compartir un momento de encontro veciñal. Ao remate, haberá tamén unha chocolatada organizada polo alumnado do CPI co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso.

A programación continuará o domingo 1 de novembro ás seis e media da tarde no Auditorio co espectáculo familiar ‘Quen dixo medo?’, da compañía Barafunda, unha proposta pensada para g***r en familia. A entrada será de balde ata completar o aforo. Trátase dunha creación de animación, clown e movemento, unha “terrorífica sesión de sorrisos” na que a rapazada xoga a converterse en monstros sen pasar medo, perdéndolle o respecto aos personaxes a través do humor.

Con esta programación, Gómez explica que o Concello de Catoira busca consolidar a Procesión de Caveiras como unha celebración de referencia no calendario local mantendo viva unha tradición con historia, completándoa con novas propostas culturais para que o Samaín “se viva aínda máis na rúa, nos espazos públicos e tamén en familia”

Catoira reduce máis dun 80% o remanente negativo de Tesouraría e avanza na recuperación das contas municipais  Un inform...
29/10/2026

Catoira reduce máis dun 80% o remanente negativo de Tesouraría e avanza na recuperación das contas municipais

Un informe da alcaldía destaca que “a evolución dos datos evidencia un paso adiante moi importante no saneamento económico”

Castaño subliña o esforzo realizado polo goberno local para corrixir o desequilibrio financeiro malia ter que asumir servizos competencia da Xunta como o SAF e a Escola Infantil que supoñen anualmente un gasto de 203.000 euros de fondos municipais

O Concello de Catoira conseguiu reducir en máis dun 80% o seu remanente negativo de Tesouraría para gastos xerais desde 2024, pasando dos -359.341 euros rexistrados nese exercicio aos -66.400 euros de 2025. Esta evolución positiva, recollida no informe da alcaldía, evidencia os avances realizados polo goberno local para corrixir o desequilibrio económico-financeiro e mellorar a situación das contas municipais.

O alcalde Xoán Castaño destaca a importancia destes resultados e salienta que, malia partir dunha situación económica seria e preocupante, o Concello está a dar pasos firmes para recuperar o equilibrio. “O informe da alcaldía recoñece expresamente que ‘a evolución dos datos evidencia un paso adiante moi importante no saneamento económico-financeiro’. É unha valoración que confirma que o esforzo realizado está a dar resultados e que estamos a avanzar na dirección correcta”, afirma.

O rexedor explica que esta mellora responde ao traballo realizado durante o exercicio para ordenar e sanear as contas municipais. Entre as actuacións desenvolvidas figura o recoñecemento de obras que xa foran executadas e que se pagaron durante este ano, así como a depuración das obrigas de pagamento pendentes, corrixindo anotacións que estaban mal contabilizadas e eliminando outras que xa estaban caducadas. Este proceso permitiu axustar a contabilidade á situación real e avanzar na regularización das contas. “Non estamos a falar dunha mellora sobre o papel, senón dun traballo de saneamento que nos permite coñecer mellor a situación económica do Concello e corrixir desequilibrios que viñan condicionando a nosa capacidade financeira”, subliña Castaño.

O alcalde insiste, con todo, en que os resultados positivos non deben ocultar as dificultades que aínda existen. “A situación económica continúa a ser seria e preocupante, pero iso non impide recoñecer os avances conseguidos. Reducir en máis dun 80% o remanente negativo nun ano é un resultado importante que nos anima a continuar traballando con responsabilidade para mellorar aínda máis as contas municipais”.

Neste contexto, Castaño lembra que o propio secretario-interventor advertiu do impacto que ten sobre as finanzas locais o infrafinanciamento de servizos esenciais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a Escola Infantil Municipal. O Concello, subliña o nacionalista, ten que destinar recursos propios a cubrir unha parte importante do custo destas prestacións, malia tratarse de servizos cuxo financiamento corresponde fundamentalmente a administración galega e que, de non facerse cargo, terían que ser eliminadas.

Segundo os datos recollidos no informe económico municipal, o Concello achega máis de 203.000 euros anuais para cubrir a diferenza entre o custo destes dous servizos e os ingresos que recibe para prestalos. Unha carga económica recorrente que limita a capacidade de aforro municipal e dificulta a recuperación financeira, que pechou o 2025 cun saldo negativo de 66.000 euros.

O Goberno local trasladou os resultados positivos do informe sobre a conta xeral e o remanente para gastos ás administracións autonómica e estatal, co obxectivo de que coñezan tanto a evolución das contas municipais como os condicionantes estruturais que continúan a dificultar o saneamento financeiro.

Castaño conclúe que o Concello seguirá a traballar para consolidar esta tendencia positiva e reducir aínda máis o remanente negativo. “Temos por diante un reto importante, pero os datos demostran que é posible avanzar. Imos continuar coa revisión das contas, coa corrección das obrigas pendentes e coa defensa dun financiamento xusto para os servizos públicos, porque sanear o Concello é fundamental para garantir a súa capacidade de actuación”.

Catoira busca dúas persoas monitoras para poñer en marcha o proxecto interxeracional ‘A Horta das Xeracións’ Os contrato...
28/10/2026

Catoira busca dúas persoas monitoras para poñer en marcha o proxecto interxeracional ‘A Horta das Xeracións’

Os contratos terán unha duración de doce meses, comezarán o 15 de xaneiro de 2027 e contarán cun salario bruto mensual de 1.424,50 euros.

O Concello de Catoira busca contratar dúas persoas monitoras para desenvolver o proxecto interxeracional ‘A Horta das Xeracións’. O alcalde Xoán Castaño explica que esta nova iniciativa pretende crear un espazo de convivencia entre as persoas maiores do municipio e os nenos e nenas do CPI Progreso a través da agricultura, a educación ambiental e a recuperación dos coñecementos tradicionais.

A contratación enmárcase no programa + Emprega da Deputación Pontevedra e permitirá desenvolver esta iniciativa durante doce meses, a partir do 15 de xaneiro de 2027. Os contratos serán de carácter formativo e terán unha retribución bruta mensual de 1.424,50 euros, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

As persoas interesadas deberán contar cun ciclo medio de Formación Profesional nalgunha das familias profesionais de Agraria, Actividades Físicas e Deportivas ou Servizos Socioculturais. Entre as titulacións admitidas figuran as de Produción agroecolóxica, Produción agropecuaria, Xardinería e floraría, Aproveitamento e conservación do medio natural, Guía no medio natural e de tempo libre e Atención a persoas en situación de dependencia.

Ademais, será necesario estar inscrito como demandante ou en mellora de emprego, estar empadroado nalgún concello da provincia de Pontevedra antes da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e cumprir os requisitos específicos dos contratos formativos, entre outras condicións. Tamén se esixe acreditar o nivel CELGA 3 de lingua galega. O proceso selectivo realizarase mediante un concurso de méritos, no que se valorarán o expediente académico, outras titulacións relacionadas co posto, a formación complementaria e o coñecemento acreditado da lingua galega.

As dúas persoas contratadas encargaranse de deseñar e desenvolver actividades que favorezan as relacións entre xeracións, promovan hábitos de vida saudables e acheguen a rapazada á natureza e á agricultura tradicional. A programación, explica o alcalde Castaño, incluirá a preparación dunha horta, a sementeira e plantación de cultivos de tempada, o coidado das plantas, a recuperación de sementes e variedades locais e a organización de obradoiros nos que as persoas maiores poidan transmitir os seus coñecementos e experiencias.

Tamén se prevén actividades de recollida dos produtos, degustacións e encontros abertos ás familias e á veciñanza. Serán as persoas maiores que acoden diariamente ao CEMUMA e aos centros scociais das parroquias as que transmitan todas estas vivencias nen@s que acoden ao Madruga Catoira.

Segundo subliña o rexedor, o proxecto ideado polo goberno local busca tamén combater a soidade non desexada das persoas maiores, reforzar a súa participación na vida cotiá da vila e fomentar entre os nenos e nenas o respecto pola natureza, o consumo de produtos de proximidade e valores como a cooperación e a solidariedade.

As bases completas e o modelo de solicitude para participar no proceso de selección de persoal estarán dispoñibles na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello de Catoira. O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ou a través da súa sede electrónica.

CATOIRA LEMBRA Á DEPUTACIÓN QUE LEVA MÁIS DE SEIS MESES COS TERREOS DA ESTRADA DIMO-COAXE DISPOÑIBLES E ESIXES AVANCES I...
24/10/2026

CATOIRA LEMBRA Á DEPUTACIÓN QUE LEVA MÁIS DE SEIS MESES COS TERREOS DA ESTRADA DIMO-COAXE DISPOÑIBLES E ESIXES AVANCES INMEDIATOS.

Xoán Castaño urxe a actualizar os prezos do proxecto de mellora integral da vía provincial, que foi redactado en 2017e precisa un incremento de orzamento para ser viable

O nacionalista advirte ao presidente Luís López de que “toca actuar e cumprir” ante unha veciñanza que precisa desta actuación

O Concello de Catoira lembra á Deputación de Pontevedra que leva máis de seis meses cos terreos necesarios para executar a mellora integral da estrada provincial EP-8703 Dimo-Coaxe dispoñibles e esixe avances inmediatos. O alcalde Xoán Castaño aproveitou esta semana unha reunión co presidente da Deputación Luís López con motivo da sinatura do convenio do Plan Extra na que lembrou a parálise da actuación, longamente demandada pola veciñanza para mellorar a seguranza viaria na zona.

Durante o encontro entre ambos dirixentes, López comprometeuse a impulsar o proxecto pola súa necesidade, mais tamén recoñeceu que a Deputación non deu ningún paso adiante até dispoñer dos terreos necesarios. Unha explicación que, segundo lembra Castaño, xa non pode servir para xustificar máis demoras: o rexedor lembra que o Concello realizou durante o último mandato todas as xestións necesarias para conseguir as parcelas negociando coa veciñanza, resolveu definitivamente a súa dispoñibilidade.

O Concello, insiste o alcalde, completou a súa parte e puxo as fincas a disposición da institución provincial no mes de abril de 2026, concretamente a documentación coas fichas das parcelas entregouse por Rexistro o día 17. Dende entón, o goberno local remitiu varias cartas para solicitar reunións tanto técnicas como políticas con representantes da Deputación e abordar a situación do expediente sen recibir sequera contestación.

Na reunión desta semana, o presidente da Deputación trasladoulle ao alcalde que antes de poder sacar as obras da estrada a licitación será necesario actualizar os prezos do proxecto que se vai executar, que fora redactado en 2017. O incremento dos custos da construción e das intervencións viarias desde aquela data fai necesario revisar o orzamento, xa que cos importes previstos inicialmente sería difícil que algunha empresa estivese interesada en concorrer ao contrato.

Castaño comparte a necesidade deste reaxuste no orzamento, pero reclama que os novos cálculos se fagan sen máis dilación por parte da Deputación. “Se agora o que falta é actualizar os prezos para poder licitar as obras, a Deputación ten que poñerse a facelo xa. Os terreos están dispoñibles desde marzo e non hai ningunha razón para seguir deixando pasar o tempo”, subliña.

O alcalde destaca que a preocupación da veciñanza de Dimo é cada vez maior e que as reclamacións para que se acometa a mellora da estrada son constantes. Por iso, considera que o compromiso trasladado polo presidente provincial debe traducirse en actuacións concretas, prazos e avances verificables, sinalando que os orzamentos provinciais de 2027 deben reservar unha partida para a mellora da estrada Dimo-Coaxe, de maneira que a actuación conte coa dotación económica necesaria para ser realidade.

Castaño asegura querer confiar na palabra do ‘popular’, mais ao tempo enmarca a parálise que está a sufrir a estrada Dimo-Coaxe nunha situación máis ampla de falta de investimentos extraordinarios da Deputación en Catoira durante o actual mandato do PP. Segundo denuncia, o municipio está a quedar á marxe das actuacións provinciais máis alá das transferencias que lle corresponden a través dos programas de reparto xeral, mentres outros concellos si reciben investimentos adicionais para atender as súas necesidades.

Para o alcalde, esta “desatención” ao municipio viquingo resulta especialmente difícil de xustificar cando existe colaboración por parte do Concello e unha demanda veciñal sostida no tempo. “Catoira está esquecida. Non podemos admitir xa máis palabras. As palabras están ben, pero toca actuar. A Deputación ten que cumprir xa”, conclúe.

Catoira mobiliza o camión de bombeiros municipal para levar auga á veciñanza de Coaxe afectada pola seca dos pozos e tra...
24/10/2026

Catoira mobiliza o camión de bombeiros municipal para levar auga á veciñanza de Coaxe afectada pola seca dos pozos e traídas particulares

O alcalde Xoán Castaño e o concelleiro Roberto Ferreira Fabeiro desprazáronse o xoves á parroquia para encher os depósitos de varias vivendas. O servizo continuará mentres sexa necesario

O goberno local manterá o apoio municipal de urxencia mentres persista a situación

O Concello de Catoira vén de poñer en marcha un dispositivo de apoio á veciñanza de Coaxe que está a sufrir a seca dos seus pozos e traídas particulares pola falta de chuvias. Para dar resposta a esta situación, o alcalde Xoán Castaño mobilizou onte o camión cisterna dos bombeiros municipais e desprazouse á zona acompañado do concelleiro Roberto Ferreira e de persoal técnico municipal para subministrar auga ás vivendas máis afectadas.

Segundo explica o rexedor, ao longo da tarde foi necesario realizar dous desprazamentos co vehículo municipal para encher os depósitos de varias casas que xa esgotaran as súas reservas. Cada vivenda conta cun depósito de arredor de 2.000 litros e a auga facilitada destinouse a cubrir necesidades domésticas básicas, como o uso das duchas e do lavalouzas. O operativo prolongouse ata esgotar a capacidade da cisterna nas dúas viaxes.

O alcalde subliña que en determinadas aldeas de Catoira non existe conexión coa rede municipal porque a diferenza de cota e a falta de presión impiden que o abastecemento dende a traída pública chegue en condicións axeitadas, o que fai que estas vivendas dependan de recursos propios.

Por iso, a intervención municipal de onte, explica Castaño, quere responder ás dificultades das familias que dependen de pozos particulares, mananciais ou de traídas comunitarias, cuxos caudais están a diminuír pola prolongada falta de precipitacións. O nacionalista subliña que se van repetir estas subministracións de maneira periódica, en función dos medios dispoñibles, mentres se manteña a situación da seca.

Castaño destaca que a prioridade do Concello é ofrecer unha resposta práctica ante unha situación que as familias non poden resolver por si mesmas. “Se unha familia que non ten traída pública queda sen auga na casa por mor da seca, o Concello ten que estar aí e axudar na medida das súas posibilidades. A auga é un recurso básico”, sinala.

Ademais da resposta municipal inmediata, o goberno local ten previsto estudar posibles actuacións a medio para mellorar a rede municipal de abastecemento e analizar se é viable estender o servizo a lugares que na actualidade quedan fóra da cobertura debido á súa altitude ou ás limitacións de presión. O obxectivo será avaliar alternativas técnicas que permitan avanzar progresivamente cara a unha maior cobertura da rede e reducir a dependencia exclusiva de pozos particulares e traídas comunitarias.

A situación de Coaxe enmárcase nun episodio de falta de chuvias prolongado e xenérico que está a obrigar numerosos concellos galegos a adoptar medidas extraordinarias para garantir o acceso á auga.

O CONCELLO DE CATOIRA INICIA ESTE VENRES UNHA NOVA ACTUACIÓN DE CONSERVACIÓN GLOBAL DO PASEO FLUVIAL CUN INVESTIMENTO DE...
22/10/2026

O CONCELLO DE CATOIRA INICIA ESTE VENRES UNHA NOVA ACTUACIÓN DE CONSERVACIÓN GLOBAL DO PASEO FLUVIAL CUN INVESTIMENTO DE 25.000 EUROS

​Seguimos traballando para coidar e mellorar os nosos espazos públicos! Este venres arrancamos cunha nova actuación de mantemento no paseo fluvial das Torres do Oeste para garantir a seguridade e a conservación deste itinerario tan querido pola veciñanza e visitantes.

​📌 AS CLAVES DA ACTUACIÓN:

​🛠️ Novo investimento local: Destínanse 25.000 € (procedentes do programa Mar de Santiago). A obra será executada por unha empresa local de Catoira, apostando por dinamizar a economía do noso concello.

​📍 Tramo afectado: Traballarase en diferentes puntos ao longo de todo o itinerario, desde as proximidades da finca de Magán até o límite con Valga.

​⏳ Duración: Os traballos prolongaranse durante aproximadamente un mes.

​⚠️ Aviso de cortes: Serán precisos cortes temporais no paseo mentres se leve a cabo a renovación do pavimento e da varanda, comezando na ponte que cruza o regato preto da finca de Magán.

​🔧 EN QUE CONSISTIRÁN OS TRABALLOS?

​Substitución das táboas deterioradas por novas pezas de piñeiro tratado con alta resistencia á humidade.

​Renovación do peche lateral: substituiranse os elementos de madeira en mal estado por tres fiadas de corda de poliéster de alta resistencia con ancoraxes de aceiro inoxidable.

​💚 O COMPROMISO DO GOBERNO DO BNG CO PASEO FLUVIAL:

Como explica o alcalde Xoán Castaño, a estrutura xeral do paseo atópase en bo estado, pero as condicións do estuario e o uso constante requiren un mantemento continuo dos elementos máis expostos.

​Desde o ano 2023, o Goberno local leva investidos máis de 225.000 euros na rehabilitación e posta a punto do paseo fluvial, sumando importantes melloras como:

​🔹 A renovación integral da contorna do Miradoiro das Torres e do Muíño do Cura.

​🔹 A nova ponte sobre o río Catoira na zona dos Muíños de Moure (40.000 €).

​🔹 A mellora do treito xunto ao Club de Piragüismo (12.000 €).

​Agradecemos a comprensión da veciñanza durante este mes de traballos para seguir gozando duns espazos públicos seguros e ben coidados.

📢 CATOIRA SELECCIONA A HIDRANTIA PARA SUBMINISTRAR OS NOVOS BOMBEOS DE SANEAMENTO DA DEVESA, A MENDA E OUTEIRIÑO​💧 A act...
16/10/2026

📢 CATOIRA SELECCIONA A HIDRANTIA PARA SUBMINISTRAR OS NOVOS BOMBEOS DE SANEAMENTO DA DEVESA, A MENDA E OUTEIRIÑO

​💧 A actuación supera os 32.000 euros e permitirá mellorar o funcionamento da rede municipal.

​O Concello de Catoira xa ten seleccionada a empresa que subministrará os novos equipos de bombeo para a rede de saneamento na Devesa, A Menda e Outeiriño. A firma elixida é Hidrantia, que xa presentou a documentación correspondente para proceder á subministración dos equipos.

​Esta intervención, prioritaria para o goberno local, forma parte do plan municipal de renovación das infraestruturas de saneamento para garantir o correcto tratamento das augas residuais e protexer o medio natural.

​📌 Claves do proxecto:

💰 Investimento: Máis de 32.000 € financiados a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

🔄 Substitución: Renovaranse dúas bombas en cada un dos tres puntos máis críticos:

🔹 O bombeo da Devesa
🔹 O bombeo de Mondragón (A Menda)
🔹 O bombeo de Freixeiro (Outeiriño)

​💡 Por que é necesaria esta actuación?

Segundo explica o alcalde, Xoán Castaño, a memoria técnica encargada polo Concello detectou que os equipos actuais estaban a esgotar a súa vida útil, causando avarías frecuentes e paradas que chegaban a provocar verteduras nas estradas e no medio ambiente.

​✨ Beneficios:

✔️ Mellor capacidade de evacuación e estabilidade do sistema.
✔️ Menor consumo enerxético e redución de custos de mantemento.
✔️ Minimización das reparacións de urxencia.
✔️ Un servizo máis eficiente e fiable para a calidade de vida no rural.

​🔁 Compromiso continuo co saneamento:
Esta mellora dá continuidade aos traballos realizados o ano pasado na EDAR (onde se renovaron tres bombeos e lámpadas UV por máis de 26.400 €). Ademais, proximamente prevese adxudicar a ampliación da rede entre Outeiro da Vila e Barral.

​

📣 O CONCELLO DE CATOIRA EXPLICARÁ NUNHA REUNIÓN INFORMATIVA O PROXECTO DO NOVO PASO SUPERIOR E A PASARELA PEONIL DE ADIF...
11/10/2026

📣 O CONCELLO DE CATOIRA EXPLICARÁ NUNHA REUNIÓN INFORMATIVA O PROXECTO DO NOVO PASO SUPERIOR E A PASARELA PEONIL DE ADIF ÁS PERSOAS QUE DEBERÁN CEDER TERREOS PARA FACER AS OBRAS

Xoán Castaño revela que as actuacións precisan de anacos de 117 fincas particulares, camiños e espazos públicos que suman arredor de 10.000 metros cadrados.

O Concello de Catoira organizará unha reunión informativa coas persoas propietarias dos terreos afectados polo proxecto de ADIF para construír o novo paso superior na Balastrera e o futuro viaduto peonil próximo á STAC. O alcalde Xoán Castaño quere que este encontro sirva para explicar de primeira man as características e beneficios da actuación e as necesidades de superficie que implica. A data do encontro aínda está por fixar no calendario e será comunicada con antelación ás persoas afectadas, ben por carta ou a través das redes sociais municipais.

Castaño explica que a previsión de ADIF é que as actuacións, que superan un investimento de 2 millóns de euros, precisen de anacos de 117 fincas particulares, ademais de afectar outras parcelas municipais ou xa pertencentes ao propio administrador ferroviario e de camiños e espazos públicos que estarán a disposición de maneira case automática. En total, a superficie necesaria é de arredor de 10.000 metros cadrados distribuídos fundamentalmente entre os polígonos 3 e 4, aínda que tamén existe algunha parcela afectada nos polígonos 10, 11 e 12. A relación de propietarias/os e os números de polígono e parcelas así como a data e lugar da reunión publicaranse na sede electrónica do Concello e nas RRSS coa antelación necesaria.

Castaño agarda que sexa posible alcanzar un acordo co maior número de persoas propietarias para a cesión de terreos, tendo en conta que se trata dunha actuación que beneficiará ao conxunto de Catoira e que, en moitos dos casos, a superficie afectada é moi reducida. “Estamos a falar dun proxecto que vai resolver problemas históricos de seguridade e mobilidade e que terá un beneficio para todo o municipio, polo que queremos facer todos os trámites correctamente e contar coa colaboración da veciñanza”, indica.

O alcalde subliña que no caso de que non se acade acordo, o Concello prevé iniciar os trámites necesarios para a expropiación. Neste sentido, Castaño adianta que solicitará á Xunta de Galicia que declare o proxecto de interese co obxectivo de axilizar o procedemento e permitir o inicio das obras canto antes.
O proxecto de ADIF (ademais da supresión dun paso a nivel e melloras no acceso á estación) contempla dúas actuacións principais ao longo da liña ferroviaria ao seu paso por Catoira que precisan da posta a disposición de terreos. A primeira e de maior envergadura executarase na Balastrera, no punto quilométrico 10+467, onde o actual paso será substituído por un paso superior sobre a vía férrea.

A nova infraestrutura estará formada por unha estrutura de tres vans e estará preparada para unha futura duplicación da liña. A actuación completarase coa construción dun camiño de servizo de 611 metros de lonxitude paralelo á vía que permitirá conectar coa zona de aparcadoiro do Centro de Activación Cultural das Torres do Oeste (CACTO). O proxecto inclúe tamén a instalación dun valado perimetral para impedir cruzamentos indebidos sobre o paso do tren e mellorar así as condicións de seguridade na contorna ferroviaria.

A segunda actuación será a construción dunha nova pasarela peonil na entrada da antiga Cedonosa, xunto á STAC, que permitirá eliminar definitivamente o actual paso a nivel e ofrecer un cruzamento seguro para as persoas. A pasarela contará cunha anchura libre de 2,5 metros e ramplas accesibles cunha pendente máxima do 8 por cento, ademais de conectar directamente a avenida Eloy Domínguez de Veiga co paseo fluvial. O proxecto contempla tamén a posible construción de tramos de escaleiras para facilitar o acceso á zona industrial.

O alcalde lembra que estas actuacións son froito das negociacións mantidas polo Concello con ADIF e destaca que permitiron ampliar de maneira significativa a proposta inicialmente formulada. “Conseguimos mellorar de maneira moi importante a proposta inicial. Ademais do paso superior na Balastrera, incorporouse a pasarela peonil de Cedonosa, a nova vía de servizo cara ao CACTO, o peche da zona ferroviaria para evitar cruzamentos perigosos e a adaptación das ramplas da estación”, explica Castaño.

O rexedor considera que o conxunto das obras permitirá resolver problemas que Catoira arrastra desde hai anos e mellorar a conexión entre diferentes zonas do municipio. “Son infraestruturas que resolverán problemas históricos e mellorarán a conectividade do municipio durante moitos anos”, conclúe.

Dirección

Rúa Do Concello, 14
Catoira
36612

Notificaciones

Sea el primero en enterarse: le enviaremos un correo electrónico cuando Bng Catoira publique novedades y promociones. Su dirección de correo electrónico no se utilizará para ningún otro fin y puede darse de baja en cualquier momento.

Atajos

Compartir

Servicios Gubernamentales cercanos


Otros servicios gubernamentales en Catoira

Ver Todo