15/05/2018
«É un orgullo ser de Cabo Verde e de Burela, son "afropataqueira"»
A deportista Marga Moreira, que xoga no Ensino de baloncesto, estudou no colexio do Pilar de Foz e logo fixo o Bacharelato e un Ciclo Superior en Burela
BURELA 11/05/2018 05:00 h
Esforzo, respecto, compañeirismo e superación son catro das máximas que guían o día a día de Margarita Moreira Gómez, xogadora burelense de 22 anos do Durán Maquinaria Ensino, que acaba de ascender á máxima categoría do baloncesto feminino español, e exemplo de que a integración real da comunidade caboverdiana de Burela é posible pese ás dificultades.
-¿Podería explicar algúns apuntes da súa biografía?
-Nacín en Burela no 1995. Miña nai, María Rosario, que con 15 anos emigrou de Cabo Verde a Madrid, traballa coidando xente maior, e meu pai, que se chama Antonio, é mariñeiro. Eles chegaron a Burela hai uns trinta anos e son a pequena de cinco porque teño tres irmáns maiores, un que vive en París e dous que son mariñeiros e están casados en Burela, e unha irmá.
-Filla de inmigrantes, ¿que dificultades atopou á hora de integrarse e facer amigos?
-Houbo momentos difíciles nos que escoitei certos comentarios. De pequena era algo inquieta e hiperactiva, non tiña metas, pero meus pais sempre estiveron enriba para que saíse adiante e me relacionase con todo o mundo. Estudei no colexio do Pilar de Foz, onde a maioría dos nenos da clase eran brancos, e logo fixen o Bacharelato e o Ciclo Superior en Animación de actividades físicas e deportivas nun instituto de Burela. Agora estou facendo un curso de socorrismo en instalacións acuáticas, un proxecto do Concello de Lugo. Todo iso permitiume ter moitos coñecidos dos dous lugares. O meu grupo de amigos chámase «Auts».
-¿Que papel xogou o deporte nese proceso?
-A min axudoume bastante. Empecei co atletismo, a correr, en segundo de Primaria, e en cuarto, con 12 anos, comecei co baloncesto, que me gustaba moito, e cambioume a vida. E se as notas baixaban, meus pais sempre tiñan un as na manga porque o deporte facíame feliz e permitíame interactuar con outros nenos. O deporte non é só xogar e competir, senón que dá valores como o respecto e o compañeirismo. Algo que cando es adolescente e estás nunha etapa difícil no o ves, pero que te acaba fortalecendo.
-Pandillas que se mesturan pouco, moito fracaso escolar, locais hostaleiros aos que só van caboverdianos ou brancos... Colectivos docentes e sociais expresaron nos últimos días a súa preocupación pola falta de «integración real» en Burela. ¿Como valora vostede a situación?
-Entendo que é difícil vir dun sitio totalmente distinto, como viñeron meus pais, por exemplo, e ter que formarte para conseguir avanzar e sacar os estudos. Verte fóra do teu lugar nato é difícil, como me pasou a min o primeiro mes que estiven en Lugo, que me resultou moi difícil estar lonxe da casa, da familia, dos amigos... Pero tes que intentar buscar algo que te motive e te faga interactuar e integrarte cos demais. Intentar coñecer a máis persoas que non sexan do teu círculo de amigos. Abrirte un pouco e ser menos cerrado coas túas cousas. Vale que cada un ten a súa cultura, pero hai que abrirse á diversidade. E logo é coma todo na vida: eu pódome levar mellor cunha persoa que con outra, pero intentalo é fundamental. E Burela é un sitio perfecto para a integración ao que só lle falta iso: abrirse un pouco para coñecer aos demais. Eu nunca renego da miña orixe e da miña cultura nin do lugar onde me criei. Para min é un orgullo ser de Cabo Verde e de Burela, son «afropataqueira».
-¿Xa sabe que vai facer a tempada que vén?
-Aínda non. Se veñen ofertas, terei que avalialas. O baloncesto gústame moito e creo que teño moito que mellorar, polo que seguirei adestrando e xogando porque quero seguir aprendendo.
«Burela é perfecta para integración, só lle falta que uns se abran un pouco para coñecer aos outros»
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2018/05/11/e-orgullo-cabo-verde-burela-afropataqueira/0003_201805X11C3993.htm
Margarita Moreira Gomes
Delegación de Inmigración e Cooperación - Concello de Burela
Angelica Gomez Sanchez