18/04/2026
O próximo sábado, o Movemento Veciñal de TOURO asistiremos en Chantada á xornada de Agora Galicia na que compartiremos espacio con outras candidaturas municipalistas independentes de todo o territorio galego coas que compartimos principios políticos.
🔵 Agora Galicia constitúese como espazo de encontro de candidaturas municipalistas galegas co obxectivo de seguir medrando como cuarto espazo político do País.
🤝 Candidaturas das catro provincias galegas propoñen un modelo de coalición, con autonomía local, para sumar votos cara as Deputacións e compartir experiencias de traballo municipal.
💚 As candidaturas de Agora Galicia configúranse como espazos locais plurais de defensa da mairía social fronte a onda reaccionaria global.
* Galicia, 10 de abril de 2026. *
Le a nota completa aquí 👇
O vindeiro 25 de abril, candidaturas municipalistas de toda Galicia reúnense en Chantada para seguir traballando nunha confederación de proxectos locais cara as Municipais de 2027.
Dende o primeiro encontro realizado en marzo de 2025, sumáronse máis espazos locais ao proxecto, que se darán cita nunha xornada na que se propón definir o modelo de concorrencia ás Eleccións Locais de 2027. Proponse un modelo de coalición creada especificamente para as Municipais de 2027 e con ampla autonomía local, estando aberta a incorporacións.
A coalición permite o mantemento de siglas locais e a capacidade das candidaturas de chegar a acordos con outras forzas políticas e sociais a nivel local ou de partido xudicial. Permite a optimización do voto popular, sumando votos en cada partido xudicial, de cara á elección das Deputacións, e preserva a capacidade de decisión nas localidades, tanto nas súas finanzas coma na designación de representantes supramunicipais.
Asemade, as candidaturas municipalistas dótanse dunha Coordinadora – integrada por unha persoa representante de cada localidade –, e un Código Ético común.
Cremos firmemente na cooperación dos proxectos de base e cos movementos da cidadanía para, desde os concellos, poidamos construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas.
Temos mirada e horizonte propio, pero coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais e, sobre todo, co conxunto do tecido social de base e coa cidadanía do noso país acompañando as súas arelas e necesidades e loitando por defender os servizos sociais e por un futuro mellor para Galicia
Por outra parte, nun momento tan complexo a nivel global, as candidaturas municipalistas sitúanse claramente contra a vaga reaccionaria global, poñéndose na vangarda da loita por un mundo máis xusto e contra a mudanza climática dende as institucións locais.
Os documentos a debate na xornada complétanse con resolucións contra a guerra e a favor de acordos amplos para evitar unha vitoria da ultradereita nas vindeiras Eleccións Xerais.
Nun cadro tan sombrío e complexo nen que dicir ten que o contributo de Agora Galicia ten que ser organizar a cidadanía máis activa e consciente dos nosos concellos e facer ver desde un municipalismo coherente e honesto que hai alternativa a esta deriva política autoritaria e antisocial, que apenas favorecerá os privilexios dos ricos e a degradación das sociedades e dos territorios. Igualmente, non abonda con rexeitar o espolio territorial e o acaparamento de terras, mais cómpre incidir nas alternativas.