02/09/2026
SETEMBRO
Setembro debe o seu nome a ter sido o sétimo mes do ano no calendario romano. Con el dá comezo o outono e tamén o curso escolar. Pero non sempre sucedeu así.
Ata o século XIX non existiu en España un verdadeiro sistema educativo entendido como un ordenamento xeral deseñado e supervisado polo Estado coa finalidade de garantir unha mínima formación na totalidade da cidadanía.
Foi na Constitución de 1812 cando, reflectindo as ideas da ilustración e da Revolución francesa, se dispuxo por primeira vez a universalidade da educación primaria para toda a poboación sen excepcións e a uniformidade dos plans de ensino para todo o Estado. Sen embargo, os vaivéns políticos de principios do século XIX determinarán que estas ideas non teñan unha concreción definitiva ata a publicación da coñecida como Lei Moyano, en 1857, froito do acordo entre progresistas e moderados, que consolidará o grande peso do ensino privado, principalmente en mans da Igrexa católica, nos niveis primario e secundario e a incorporación dos estudos técnicos e profesionais ao ensino pos secundario. Establecía os seguintes niveis educativos: primeiro ensino, dividido en elemental (obrigatorio e gratuíto para quen non puidera custealo) e superior; segundo ensino, que comprendía seis anos de estudos xerais e estudos de aplicación ás profesións industriais; e, no nivel superior, os estudos das facultades, o ensino superior e as ensinanzas profesionais.
Desde entón a educación non deixou de ser obxecto de múltiples reformas e plans ao compás dos cambios políticos. Entre eles podemos destacar a modernización dos métodos educativos e o réxime de coeducación (é dicir, mixto de varóns e mulleres) introducidos durante a II República, o adoutrinamento e a separación por sexos durante a ditadura franquista ou a instauración da educación obrigatoria ata os 16 anos a partir da Lei de ordenación xeral do sistema educativo de 1990.
Arquivo de Galicia. Santiago de Compostela.